TRIBUNA ABIERTA | O |
04 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ESTE ANO acudín ao multitudinario enterro do loro Ravachol, acto co que remata o entroido pontevedrés, e que rememora o pasamento, na cidade do Lérez, a finais do século XIX, dun famoso paxaro, propiedade do boticario Perfecto Feixoo. Miles de persoas acompañaban o paso da comitiva fúnebre. Cada ano, o loro vai disfrazado de xeito diferente. Neste último lucía o equipamento oficial do Pontevedra CF, co número 40 nas costas, que son os puntos que necesita o equipo de fútbol local para deixar o farolillo vermello da táboa clasificatoria e permanecer unha tempada máis na segunda división. Noutras cidades ou vilas son diferentes as figuras que se queiman para poñerlle fin a estas datas de transgresión: o Meco en Vigo, o Bacalao en Tui, a Sardiña en Marín, a Mikaela en Buño... por nomear algúns dos más chamativos. No ano 2002, coincidindo co primeiro entroido que programei como concelleiro de Cultura en Cee, e coa idea de darlle personalidade propia, nacían como personaxes representativos o Gran Duque de Alba e o Cardenal Mendoza, que pretendían representar ao poder, e o Rei Pupo, un porquiño que escenificaba a carne, a rebelión, como exponentes, todos, de tradicional dicotomía entre dona cuaresma e don carnal. Pupo, ese porco nacido en Cee na década dos oitenta, tan ben criado polo meu amigo Ramón Domínguez, que mais ben parecía unha vaca, era enterrado ese ano e no seguinte como fin de festa. É, tamén, nese ano cando se cambia o desfile principal ao luns, circunstancia moi criticada ao principio, pero que se amosa co paso do tempo coma un éxito incuestionable. O novo goberno retirou da programación o enterro do porquiño, sen darlle tempo a que se arraigase coma fin do entroido local. Interpretacións erradas, medos e, probablemente, un descoñecemento das raíces e da idiosincrasia desta festa en Galicia, motivaron a desafortunada decisión. Cee non é alleo a esa tradición, aínda que, como moitos pobos da nosa comunidade, desvencellouse da mesma por amosarse, ao longo do tempo, máis sensible ás «recomendacións do poder». A min gustaríame que Pupo recuperase o trono do entroido ceense e que se enterrase cada ano coa solemnidade que tan luctuoso suceso require. E se non é Pupo que sexa outra figura, pero que represente o mesmo, a tradición. Se non aparece a testosterona necesaria será cuestión de esperar dous anos.