ARA SOLIS | O |
28 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O SUCEDIDO co cruceiro da Barca de Muxía non é unha casualidade. Se foron os gamberros, constituiría un dos moitos e condenables actos de agresión contra o noso patrimonio histórico e cultural. Se non foi así, un maxina se non sería a Virxe da Barca, que, unha vez máis, se manifesta nidiamente, como, segundo as lendas, xa ten feito e mesmo navegando nunha barca de pedra. O que hai que preguntar é por que está ferida. Unha das razóns pode ser pola estatua da Ferida -e perdón pola redundancia- que tanta polémica ten xerado e incluso parece que levou aos tribunais ao seu autor contra a empresa que patrocinou a súa instalación. Tamén pode estar anoxada pola redución do orzamento para o parador, anque, por se acaso, o director de organismo responsable do tema ven dicindo hoxe no xornal que haberá cartos dabondo e que esta liorta non beneficia a ninguén. Matinando un pode chegar a conclusión de que a Virxe está incomodada polo que, segundo a oposición, son os negocios inmobiliarios que se están a levar a cabo na vila grazas á información privilexiada ao amparo do novo plan xeral. Haberá, en contrario, quen pense que se deba as rebaixas e os evidentes recurtes que a ministra Magdalena Álvarez fixo nos orzamentos deste ano para o Plan Galicia. Anque, se me apuran, eu penso que unha boa razón debe estar en todo o lío no que anda o Goberno co condón, cos matrimonios de parellas homosexuais e o famoso Plan Hidrolóxico. Non vaia ser que o enrabexamento veña polo que chaman política laicista do equipo que preside Zapatero, como xa teñen denunciado os bispos e mesmo fixo o Papa o outro día en Roma. Non, non debe ser casualidade o sucedido co cruceiro da Barca.