Despedida

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

10 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O NADAL é unha boa época para as vodas. Emigrantes e non emigrantes aproveitan os días de lecer para casar. Teño un amigo que nestas últimas semanas estivo en dous casamentos. É moi observador, dos que está en todo e aos que non se lle escapa detalle. Así é que me contaba que nun dos banquetes tocoulle ao seu fronte unha muller que o deixou abraiado. Segundo me foi contando, a invitada repetiu, non unha senón dúas veces cada un dos pratos de marisco que se serviron e aínda seguería se non fose que cando aínda non remataba con un xa chegaba o seguinte. Non foi curta á hora de beber viño, branco e tinto. O peixe e as carnes tamén foron do seu agrado, e foi ben servida, e non menos de postre, de doces e de cava. «E aínda foi quen de bailar», deciame o informante, máis preso do medo ao colesterol e aos controis de Tráfico ca dos praceres gastronómicos. Pero hai máis. Se lle fago caso chego a conclusión de que os mozos novos toman os pinchos e xa se emborrachan, mentras que as rapazas, como non teñen con quen falar, non fan outra cousa que botarse ao ataque dos atarefados comareiros. Segundo me di, chegou á conclusión de que hai xente que é especialista en comer nas vodas. Foles sen fondo, que mesmo semellan que están furados. Seica se destinguen porque sacan a chaqueta, libéranse da gravata, remagan a camisa e veña, langostino vai, langostino ven. E así ata que saen a bailar Mi carro coa faldra fóra e a cara encarnada coma un tomate. O que tamén me contou é que unha das dúas noivas fixo unha boa festa de solteira o víspera. Ás dúas da madrugada desapareciu e súas compañeiras xa non a atoparon ata o amencer. Seica a chamou un ex e fixo unha despedida ben cumprida.