Un saúdo de Fraga

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

18 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NA PANTALLA do móbil saía un feixe de díxitos. Descolguei e ao outro lado da liña escoitei a voz amable dun home. Si, son eu. Nese momento infórmame que é xefe do gabinete de prensa do Presidente da Xunta. Déixame descolocado. Inmediatamente penso que quizais me vai facer unha oferta laboral. Xa me estaba vendo en San Caetano con fax, secretaria, hora do café... O interlocutor devólveme á realidade ao instante. Di que chama por encargo do mesmísimo Fraga e que este lle ordenou transmitirme un saúdo para que llo fixera chegar á miña avoa de 98 anos. Logo aclárame que todo se debe a que leron unha columna na que eu cuestionaba a decisión de Fraga de volver ser candidato. Se recordan, mentres a min me parecía maior para unha reelección e miña avoa aducía de forma rotunda que estaba coma de quince. O que máis temía era como transmitirlle a felicitación á miña avoa. Contra todo pronóstico, limitouse a sorrir e poñer a cara dalgunha cando ve a Beckham. «Dálle as ghracias» , dixo e logo marchou co seu bastón e o sombreiro de palla a pasear pola eira. Coma se todos os días lle mandara un saúdo un presidente. ¡Manda nabo! E eu mentres con cara de papaverzas...