O CARTAFOL | O |
31 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESTÁ MÁIS que demostrado que a maioría dos incendios son intencionados. Aínda así, non se consegue frear esta praga que dura xa desde hai un montón de anos. Os pirómanos son persoas irresponsables ás que se lles deberían aplicar multas e penas contundentes para obrigalos a pensalo dúas veces antes de volver a cometer semellantes falcatruadas. Se a min me queiman a madeira que coidei con tanto esforzo durante anos, que ma paguen. ¿Que perseguen estes desalmados? ¿Están enfermos ou son persoas calculadoras e frías? Sexa como sexa, sementan destrucción por todos os lados. ¿Por que non se presentan máis denuncias cando se sospeita de alguén, mesmo no caso de que se trate dun veciño? Deberíase denunciar sen medo estes atentados contra a propiedade privada, tendo en conta que o arrasamento do monte doe no máis fondo. Aos pirómanos habería que colgalos polos perdigóns nun piñeiro ou nun carballo dos queimados e poñerlles un misto no pelo de certas partes do corpo que non é preciso especificar. Así aprenderían a lección e non volverían, supoño, a cometer máis actos delictivios deste tipo. Digo actos delictivos porque creo que aos autores dos incendios intencionados habería que cualificalos de delincuentes habituais ou comúns, de cacos, de arboricidas, de indesexables, de mentes retorcidas, sen escrúpulos, de ladróns incluso, xa que é como se lles roubasen os montes ós seus donos lexítimos... Poderíase seguir con máis argumentos e con palabras máis fortes e malsoantes para criticar a estas persoas (¿persoas?) que só pensan no seu beneficio e non se paran a meditar nos prexuízos que lles causan ós demais nin nos efectos que produce o lume na natureza, na paisaxe, que se vai volvendo desértica e improductiva. Riqueza A riqueza da madeira é extraordinaria e salva a economía de moitas familias con poucos recursos. Véndense uns piñeiros ou uns eucaliptos e vaise tirando. O dano causado polos incendios é enorme, pois as zonas devastadas tardarán anos en volver ao seu. Para combater esta lacra habería que poñer máis coidado na concesión de permisos para facer queimas de mato e de pólas en zonas de alto risco sen o aval de profesionais con experiencia en cos medios necesarios para atallar o lume, pois en moitos casos os arboricultores non son capaces de controlar as chamas que se estenden con rapidez.