Fobia á pluralidade

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

16 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O OUTRO día escoitei unha expresión que había tempo que non oía: «Meu deus, debía haber unha soa lingua». No fondo, esta persoa denotaba un medo profundísimo á variedade, a non ser quen de desenvolverse nun mundo que afortunadamente segue a ser multicultural. Ao chegar á casa busquei o ensaio por excelencia de Castelao, sabedor de que el tiña solventado á perfección isto do idioma universal. En poucas liñas, con retranca envexábel, despacha aos que «andan a falaren dun idioma universal para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas». Tras defender a pluralidade lingüística argumenta, cunha ironía non apta para mediocres, «un can de Turquía ouvea igual ca un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual ca un cabalo da Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal». A búsqueda da uniformidade cultural é un dos síntomas máis claros da fobia á cultura, quizais por incomprensión ou polo medo ao diferente. Tamén en casos como no galego pode existir, de feito constátase, certo papanatismo e complexo de inferioridade cara outras linguas con máis falantes. Recordo a aquela xeración Nós (Otero-Pedrayo, Risco e Cuevillas), sen dúbida a máis ilustrada do século vinte en Galicia, que logo de buscar o esteticismo evasivo noutras culturas deuse conta da vixencia do galeguismo universal. Eles, hai 80 anos, superando o pensamento mentecato imperante foron, dende a singularidade, o verdadeiro nexo de unión coa Europa. O demais eran ouveos de can, charanga e pandeireta...