O dereito á folga

La Voz

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS RAMÓN M. VILAR LANDEIRA | O |

07 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O DEREITO dos traballadores á folga pacífica é un dos puntos que reflicte a Constitución aprobada hai xa case 26 anos. Aínda así, a día de hoxe, hai quen segue a ver ese dereito democrático como un ataque alevoso e traidor á integridade dunha empresa. Creo que calquera colectivo que teña que chegar ao recurso da folga non o fai por gusto nin por diversión, faino porque cre que os seu dereitos están a ser vulnerados. Durante os últimos días Cerceda viviu un conflito laboral que tivo coma protagonistas aos empregados de Sogama. Reclamaban melloras salariais e das condicións de seguridade no traballo, algo que por outra parte entra dentro do terreo da lóxica. Escribo coas cautelas necesarias xa que non coñezo polo miúdo as razóns últimas das diverxencias entre a a sociedade pública e os seus traballadores. A moitos destes últimos sí que os coñezo, por razóns de veciñanza ou por amizade. Por iso cando un deles me comentou que a semana pasada houbera sete dotacións da Garda Civil diante do complexo medioambiental, ese feito semelloume máis que excesivo o desplegue por mor dun paro que entra dentro da legalidade. Vivimos nunha zona onde as condicións de traballo a miúdo incompren o previsto na lei. Todos coñecemos de sobra numerosos casos de traballadores que superan con creces as corenta horas semanais ou a moitos outros que eso do mes de vacacións lles soa a suahili, por non falar duns salarios que por norma andan a anos luz da media europea. Por iso é desexable que no conflito de Cerceda, onde existe de por medio unha Administración pública, se dea exemplo de diálogo e de estricto cumprimento das normas laborais. Só faltaría...