RADIOGRAFÍAS | O |
06 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A AQUELA hora a praia de Nemiña estaba case deserta. O sol estivera a xogar todo o día ás agochadas en Muxía. Ás oito e media da tarde, só quedaban tres mozos coas súas táboas, un matrimonio portugués con dous nenos e aquela parella. Ela non chegaba aos dezaoito e dubido moito que el sobrepasara esa mesma idade. Compartían unha toalla co logotipo dun famoso refresco e besbellaban palabras nos respectivos ouvidos. Quizais gardaban secretos demasiados fermosos para ser escoitados por un domingo desanxelado e triste de primeiros de agosto. Bicáronse coa delicadeza e o lixeiro tremor dos primeiros encontros, parecían un debuxo inspirado nos poemas xuveniles de Neruda. Nemiña non é Isla Negra pero tamén é costa bañada polo Atlántico, a milleiros de quilómetros do refuxio nerudiano. E prosigo, perdoen a digresión, porque a estampa parecía manter á raia as ondas que se erguen duras nesta praia, xusto cando se estrelan contra a area. Eu que nunca estiven en Chile, nin coñecín persoalmente a don Pablo Neruda, souben que a distancia entre Nemiña e Isla Negra era tan grande e á vez tan cativa como o misterio das palabras que adelgazan igual cas pegadas das gaivotas, só «para que tú las oigas».