MEMORIAS RIOPRATENSES | O |
01 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.EN GALICIA falar de inmigración é algo novidoso porque nós aínda seguimos sendo unha terra da que saen cidadáns galegos para traballar fóra. Certamente que agora non hai que embarcarse durante un mes para cruzar o océano, pero máis de 10.000 habitantes das comarcas da Costa da Morte están traballando nas illas Canarias. As estatísticas non recollen esta realidade porque se considera coma un desprazamento de carácter interno, que ten lugar dentro das fronteiras do Estado español. Dentro da inmigración habería que facer varios apartados e distincións porque é algo máis complexo do que pretende establecerse por medio dun texto xurídico coma o da cativa Lei de Estranxería. Neste amplo abano de xente que busca un sitio no que construír un niño hai unha realidade conformada por aqueles cidadáns riopratenses, nacidos na beira arxentina ou na beira uruguaia, que veñen ou que volven para Galicia. Aquí son as estatíscas as que queren sumar cando o que hai que facer é restar. Non poden estar tódolos emigrantes no mesmo saco porque os nosos netos son unha póla da famila que pendura por enriba de Bos Aires e Montevideo. Inxustizas Os decretos e leis non son por natureza restrictivos senón por ideoloxía. Cando un problema non se quere ver ou vese cos ollos entreabertos entón a civilizada e democrática Europa comete inxustizas. Os que lexislan consideran que tódolos que entran no país cruzando unha fronteira e con ánimo de permanencia son inmigrantes. Agora ben, se a fronteira que se ten en consideración é soamente a física entón estamos esquecendo que os nosos netos riopratenses non cruzan ningunha destas fronteiras porque eles están dentro dos lindeiros espirituais de Galicia. Parece probado que despois dun século e medio de emigración galega nas terras riopratenses temos alí patrimonio. Ninguén negará que Galicia é moito máis que un anaco de granito atlántico europeo. Os netos da emigración están sendo esmagados pola crise económica e deciden que é o momento para facer un desprazamento de carácter emocional sen saír das fronteiras culturais galegas. Na Arxentina e no Uruguai os emigrantes escoitaban a Carlos Gardel e berraban os goles de River ou de Peñarol sen esquecer os sons dunha muiñeira. Nin tango nin fútbol lles eran alleos xa que o sangue de Galicia segue correndo polas veas riopratenses. En Bos Aires (aeroporto de Eceiza) ou Montevideo (aeroporto de Carrasco) soben a un avión para Santiago de Compostela. Na capital galega agardan os familiares. De camiño para Lugo, Ourense ou Pontevedra os nosos netos van sorrindo felices coa paisaxe. Preguntan por nomes, etimoloxías, orixes e topónimos que se van sucendo no camiño e á súa súa vez informan dos nomes que viñeron do outro lado do mar. Nos comercios relocen os saudosos: Bariloche, Buenos Aires, Cambalache, Cumparsita, Gardel, Mar del Plata, Montevideo, Punta del Este... Os retornados riopratenses son parte do rico e variado patrimonio cultural galego. Son o reforzo necesario para gañar calquera campionato e non ocupan praza de estranxeiro. Os netos americanos achegan a súa man solidaria e o seu corazón para que a vella terra reciba anovados pulos e consiga un desenvolvemento harmónico. Galicia foi exportadora neta de riqueza. Por medio dos poboadores que ían camiño do sul entregou moito máis do que recibiu e a nosa herdanza permanece intacta despois de tódalas desfeitas porque Galicia vive nos seus netos riopratenses. Eles son os auténticos propietarios dunha ética moral moi sinxela que non necesita de grandes debates filosóficos para a súa comprensión. Trátase do traballo honrado. Os que retornan volven coas maletas cheas de futuro para sementar nas leiras de Bergantiños, Fisterra e Soneira.