RADIOGRAFÍAS | O |
23 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.GÚSTAME O entroido por todos os elementos transgresores que o caracteriza. O sábado estiven na Coruña vendo a actuación dunhas comparsas que non deixaban títere con cabeza: Paco Vázquez, a marea negra, Letizia Ortiz, España va bien e outros temas similares capitalizaban a maioría das letras. Algunhas eran tan irreverentes coma enxeñosas e causaban abundantes gargalladas catárticas entre o público. Hai xa uns tres anos fun por primeira vez na miña vida ao entroido de Laza. Garántolles que aínda me abanean os milindreques cada vez que penso nos peliqueiros, que, nesta pequena vila ourensán, se aplican que dá gusto á arte de mallar na xente. Despois demos boa conta dun cocido mentres un señoriño nos contaba que el tamén fora peliqueiro de novo. Por el soubemos que esta celebración estivera prohibida varios anos na posguerra. Aínda así, os peliqueiros corrían polos montes e corredoiras próximas. Detrás deles andaba media ducia de gardas civís coas carabinas prestas para arrearlle uns culatazos aos que se atrevían a desafiar a orde gobernativa. O vello ríase ao contar o medo que papaban as autoridades locais ao escoitar as campás do peliqueiros toquenear ao lonxe. Con moita razón, tiñan pánico a levar algún que outro vimbiazo.