RADIOGRAFÍAS | O |
18 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ESTA SEMANA faláballes da estadea, dos contos de lobos e doutras historias varias que aos nenos da nosa idade nos deixaban coas pernas abaneando coma varas verdes. Non me acordou referirme ao home do saco que tamén fuxía cos rapaces que non fosen obedientes. Eu creo que daquela eramos máis fáciles de impresionar. Un barbeiro veciño meu tiña nun caixonciño unha orella de cartón pintada de vermello. Antes de comezar a rapar a un cativo dicía con moita solemnidade: «Esto foi dun home de Sandián que se moveu mentres lle estaba cortando o pelo». Por suposto, a proba irrefutable poñíanos a todos tan en garda que procurabamos conter o alento mentres as tesoiras pasaban por onda os nosos apéndices auditivos. Meu propio avó, compañeiro do meu perruqueiro, tamén me metía algunha que outra aparición misteriosa da estadea á que lle atribuía a paternidade de cinco fillos nunha mesma parroquia. Tempo despois aprendín que os vellos ademais de chancearse de nós transmitíannos unha magnífica literatura oral e conseguían tamén ternos unha miga a raia (o medo é libre). Que queren que lles diga non envexo algunha infancia actual que se limita a estar metidos no piso vendo Shin-Chan, ou como raios se escriba