RADIOGRAFÍAS | O |
05 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.OS MUNICIPIOS de Fene e Vilagarcía aproveitan que está a chegar o día de San Valentín para convocar concursos de cartas de amor. Os de Arousa danlle ao gañador un premio en metálico e un bono de hoteis, e os de Fene, unha cea e unha fin de semana nun pazo para que quen consiga impoñerse no certame poida ir coa súa muller, home, querido, querida, amiga, compañeiro ou como queira chamarlle cada un. A iniciativa podería ser importada a calquera municipio da nosa bisbarra. Eu proporía, para evitar o plaxio, algunhas modificacións: Por exemplo: podería denominarse Certame de Cartas de Amor ao Alcalde (ou alcaldesa). A extensión máxima dos traballos será de dous folios e o xurado valorará aquela carta que, ademais dunha boa redacción literaria, conteña máis peloteo e gabanzas cara o ilustrísimo munícipe. Por suposto, o xurado será nomeado polo alcalde e no mesmo estará un poeta subvencionado, un concelleiro da oposición próximo ao goberno e un xornalista da prensa rosa. O premio pode ser unha boa enchenta coa comisión de goberno, o asfaltado de 500 metros do terreo que elixa o gañador e a venia para construir de estrangis un galpón-picadeiro.