Pobreza lingüística

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

04 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A LINGUAXE cotiá degrádase de tal maneira que chegamos a límites insospeitados. A xente bota a lingua a pacer sen xeito, sen cavilar o máis mínimo nas consecuencias de tales despropósitos. Non hai máis que andar pola rúa, polos bares, comercios ou parques coa orella posta para deleitarse con auténticas barbaridades léxicas, tremebundas, que demostran pobreza de espírito e pobreza lingüística. Un día no Palacio da Cultura durante a representación de Río Bravo , unha dama cansouse e díxolle a outra dama: «Oes, nena, eu marcho, que xa estou ata o cu desta merda». Ó lado, un neno reta a outro e sóltalle que lle vai dar «unha patada no cu que te vas cagar». Á saída do colexio, un monicreque duns dez anos dálle unha orde a un colega: «Salta, maricas, e chupa». Aínda que o idioma mada ten que ver, curiosamente, na maior parte dos casos os comentarios que chegaron ós meus finos oídos eran pronunciados en castelán. Así, nunha cafetería, un señor diríxese ó arbitro dun partido como se quixese asasinalo golpeándoo nas partes máis sensibles do seu corpo. No parque do Anllóns, unha mañá apacible de verán, un pai ordénalle ó seu fillo de seis anos que non se meta aí, «que hay mucha mierda», e engade algo peor considerado lingüisticamente. Pola tarde na praia de Razo, o mesmo personaxe insiste e non quere que o cativo se meta na auga porque está fría utilizando un adxectivo que non é reproducible. Uns minutos máis tarde, diríxese outra vez ó rapaz e espétalle: «Luís, estate quieto, coño» (poño esto por poñer algo). Un pouco máis aló, dous nenos xogan na area e un non quere ó outro ó seu lado: «Animal, fóra de aquí», e ameázao cun xesto e cunha palabra desas que meten medo. Nos meus tempos de estudiante de bacharelato, despois do horario de estudio quedábame tempo para ler novelas de vaqueiros. Nunha delas, o protagonista, ó entrar na cantina encontrábase de fronte cun letreiro xigante onde poñía: «Hable usted bien, que no cuesta una repajolera caca». A mensaxe é suficientemente irónica como para reflexionar sobre o feito da educación que en principio deberiamos aprender na casa coa familia e nos colexios. Quizá todo esto sexa debido á influencia dos programas televisivos e tamén ó ambiente que se dá en determinados lugares de ocio. Incluso hai quen presume de falar mal diante dos compañeiros. A ver quén é o máis bruto de todos, o máis machote.