Razóns de Estado (matrimonial)

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

05 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Como comprenderán estes días resulta moi difícil abstraerse da futura voda de Felipe de Borbón. Dende o sábado debín oír o nome de Letizia Ortiz unhas douscentas veces e opinións, como imaxinarán, para todos os gustos. Dígolles que non é un tema que me saque o sono pero despois de ver o rebumbio que se armou xa non sei se está avariada a xente ou é que eu vivo noutra galaxia. Ata no recuncho máis afastado da comarca o anunciado matrimonio monopolizou todas as conversas. Uns que cren que se debía casar con non sei quen, outros que opinan que a rapaza val moito, algúns terceiros que aseguran que isto significa a modernización do sistema monárquico e un cuarto grupo, no que me identifico, que non sabe nin contesta e que case tanto lle ten. O que si me chamou poderosamente a atención é a postura dalgúns coñecidos comentaristas. Os mesmos que afirmaban ata hai unhas semanas que a realeza non só tiña que casar por amor, senón que tamén tiñan que ter moi en conta razóns de estado. Eu que non son do círculo de amizades do futuro monarca, nin máis que un facedor de columnas, dáme que casou porque lle gustaba e que pouco lle importou rachar con ese purismo, a miúdo rancio, que envolve a un sistema tan antigo como a monarquía. Pois velaí a miña sorpresa cando vexo a algún académico, árduo defensor das normas máis ancestrais, defendendo a capa e a espada a necesaria modernización dos costumes e os matrimonios por amor. As palabras son incluso máis rápidas que os pensamentos. Ó fin e ó cabo, como di un amigo meu que xa ronda os noventa anos, «se é boa vai ser para el, e se é mala, tamén». Filosofía galaica, da boa, elevada á enésima potencia.