Literatura líquida e salgada

Carmilo Franco CORCUBIÓN

CARBALLO

CASAL

Crónica | Unha cita para recuperar o mar das palabras O Congreso da Cultura Popular e Mariñeira serviu para derrubar algúns tópicos que sobreviven sobre o mar, sobre a xente mariñeira e sobre a escrita mariña

13 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? escritor Francisco Fernández Naval falou das crebas e dos crebeiros. Os escritores convidados a participar no Congreso da Cultura Popular e Mariñeira, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, andaron tamén ás crebas literarias, na busca das palabras, das boas intencións nocturnas e na rebusca poética, que é algo que se dá moi ben cando te asomas a unha fiestra e se mira o mar calmo baixo a chuvia paciente. O congreso, con ser o primeiro, puxo de relevo dúas cousas: por unha banda quedan demasiados tópicos sen derrubar arredor do mar. Tópicos sobre o matriarcado mareiro, sobre o carácter dos mariñeiros, sobre o carácter do mar, sobre moitas das cuestións que en tantas ocasións damos por resoltas sen ter conciencia certa delas. O congreso, con todo, non se cinguiu só os cantos de poetas, deixou tempo para que entender o mar tamén como argumento económico. Galicia, sengundo Calo Lourido foi potencia europea da pesca ata o século XVI. Despois chegou a Armada Invencible e esquilmou todo canto mariñeiro había na costa. Estas cousas, desde o punto de vista literario, acaban por parecer historias que se repiten. A pesca vai ben ata que alguén toma decisións sen consultar e comeza un declive difícil de parar. A literatura, en moitos sentidos, é tamén unha creba con algúns naufraxios e algunhas praias, ás veces tamén hai bares nesas crebas porque os escritores gústanlle as tabernas salgadas a pé do mar porque semella que están cheas de historias. Nas Hortensias, que ten algo de taberna, os poetas recitaron de noite escura o que tiña e o que non tiña que ver co mar, por exempro os poemas perfectamente civís de Emilio Insua que lembran as cousas que están vivas e tamén aquelas que merecen ser lembradas. Tamén estaban David Creus e Suso Bahamonde para lembrar que mar son todas as cousas que pasan por máis que un non sexa mariñeiro ou sexa mariñeiro de si mesmo, que xa é navegación complicada. Como nos vellos tempos, houbo palabras, vasos, fume, e todas esas cousas que, sen ser exactamente versos, tamén son poesía.