RADIOGRAFÍAS RAMÓN M. VILAR LANDEIRA | O |
20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NA REVISTA do Semanal vén un interesante artigo do sempre polémico Arturo Pérez-Reverte. Non é un autor co que precisamente comparta todas as opinións, hai veces incluso que me pon taquicárdico, pero nesta columna, titulada «golfos, ayuntamientos y ladrillos», case subscribo cada unha das palabras escritas. Afixémonos a contemplar calquera mangantada na cousa pública como se o asunto non fose con nós, «total os cartos son de todos». Móstrolles un caso práctico. O outro día estaba eu agardando para falar cun alcalde, diante de min estaban tres señores falando animadamente de quen era o mellor gaiteiro na súa mocidade. Nun determinado momento o máis velliño dixo que tiña que pedirlle un favor ó alcalde. O outro preguntoulle, «¿e logho, ti es del?». O vello contestou moi serio «eu son do que estea, que é o único que pode facer algho». «Hai daquela es coma nós», dixeron ó unísono os outros dous. Acto seguido comezaron a dicir que «ningún quere saír da maseira cando está nela» (sic), que o caso é que traballen que «comer xa se sabe que comen». Se están atentos ó reparto de áreas en calquera goberno daranse conta de que urbanismo acostuma a ser o cacho de pastel máis conflictivo. Un concelleiro de urbanismo, poñamos por caso unha vila, ten que comer con moitos que adoecen por unha recalificación ou unha licencia. En xogo, incluso nos municipios cativos, hai moitos cartos. Por iso non deixa de ser curioso que as apropiacións indebidas de caudais públicos ou os pelotazos urbanísticos sigan sendo vistos, pola maioría, como delictos moito menos alarmantes ca o do paisano que manga un radiocasete nun coche. Temos un estraño sentido da xustiza.