RADIOGRAFÍAS | O |
18 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TERCEIRA SEMANA de xullo e o chapapote segue entrando por sorpresa nalgunhas praias das nosas costas. Os hoteis, as casas de turismo rural e ata os cámpings están de capa caída, con moito menor número de reservas que hai un ano. Os turistas resístense a vir e os voluntarios (memoria obriga) «non fan falla»(un político dixit). Se na nosa mente funcionase un arquivo coas famosas frases de ministros, delegados do goberno e tropa en xeral, parecería unha recompilación dos grandes éxitos do Xestal, que me perdoe o gran artista carballés por utilizalo de símil canda o gremio político. Agora en Fisterra o fuel metéuselles ata nas urnas. Os da Coruña andan doentes para ocupar as súas prazas de deputados provinciais e os nosos de xulgado en xulgado. Falando de deputados provinciais, pode ser un bo exemplo a elección destes para demostrar como a partitocracia se impón á democracia. As perrenchas que hai por ir sentar a cacha á cidade herculina non son de estrañar. Esta institución, a pesar do seu particular carácter democrático, ten un poder importante, especialmente no rural. Ademais, todo hai que dicilo, as dietas que se lles paga ás ilustrísimas por cada sesión plenaria ou comisión supera con creces calquera paga non contributiva. Pois xa ven que me estou enguedellando entre o chapapote, o escándalo político fisterrán e as patadas nos milindreques polas actas de deputados. Todo apunta que imos pasar un verán quente: en Fisterra a sospeita de mangüelos vestidos de políticos, pola bisbarra os choros dos que puideron ser deputados e non foron. Non me explico cómo non veñen máis os turistas, coas cousas e coas personaxes que hai para ver.