O CARTAFOL | O |
17 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.PEDIR UN hospital para Carballo nunca foi nin é unha verdade de pé de banco. Incluso agora que xa hai un en Cee. E non sei se o problema da sanidade pública se vai resolver coa ampliación do Juan Canalejo. ¿Xa non volverá a haber casos de enfermos que teñen que pagar case un millón de pesetas por unha operación que non pode esperar? Choca que os portugueses e os manchegos manden ós seus enfermos á sanidade privada galega. ¿Resulta máis barato desviar ós pacientes á privada ou pódese falar de tráfico de influencias? ¿Acabarase dunha vez coa masificación? ¿Xa non será necesario poñer camas nos corredores? ¿Desaparecerán os cuartos con tres ou catro camas? ¿Controlaranse as visitas para que non se apiñen ata vinte persoas nun cuarto? ¿Poderá o enfermo descansar sen ter que aturar o ruído e o fume? ¿Aplicarase estrictamente o regulamento que prohíbe fumar e xa non se verá a ninguén tirar as cabichas dos cigarros no chan ou mesmo pola ventá? ¿Convocaranse prazas dabondo de médicos internos residentes para formar máis especialistas? Se é preciso, que se lles mellore o salario e que os obriguen a cumprir un horario como calquera funcionario para que non escapen a fume de carozo para a consulta particular. Fan falta máis xinecólogos, máis pediatras, máis anestesistas, máis quirófanos... Que se recorten gastos por outro lado (armamento, investigación espacial...) e que se empreguen máis cartos na sanidade pública para sermos tratados como persoas e non como bestas porque necesitamos asistencia sanitaria gratuíta de calidade e porque non todo o mundo pode permitirse o luxo de ir a un centro privado. O que espera desespera ou morre no intento antes de ser atendido con garantías para a súa saúde. Afortunados e privilexiados son os que poden acollerse a un réxime especial porque poden escoller hospital e médico. Nalgunhas ocasións o propio médico que cabeceira aconséllalle ó paciente acudir a un especialista de pago. Claro, despois quedamos de pedra cando nos pasan a factura de quince mil pesetas por unha consulta de quince minutos ou por facer un simple electrocardiograma. Pobre corazón, xa debilitado, cando hai que facer de tripas corazón, coller a carteira e desembolsar a cantidade pertinente sen dicir nin pío. Así que o dito: un hospital para Carballo como pediron sempre case todos os partidos políticos da bisbarra.