O Ballet Galego Rey de Viana, A Quenlla, Luar na Lubre e Mercedes Peón serán as estrelas O novo goberno municipal pretende ampliar a oferta, sobre todo en agosto
04 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Verán e cultura van da man na programación presentada onte polo Concello de Carballo. Durante os meses de xullo e agosto a animación estará nas rúas da vila: os martes, con cine; os xoves, con teatro, e de venres a domingo, con música. Aínda que o protagonismo recae no folk, a oferta inclúe tamén jazz e novas músicas, pero tanto o alcalde, Evencio Ferrero, que felicitou «a quen tivo a responsabilidade de concretar este programa», como a concelleira delegada, Belén Lendoiro, expresaron a súa intención de incrementar as actividades, tanto en cantidade como en estilo, co obxectivo de satisfacer os gustos máis variados. A programación comezará o vindeiro día 11 coa participación do Ballet Galego Rey de Viana na praza do Concello (22.30), dentro do ciclo O son da vila que patrocina a Consellería de Cultura e dentro do cal tamén actuará, ó día seguinte, o grupo folk A Quenlla. Para cambiar de estilo, o 18 deste mes soarán as novas músicas de Fasero, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e o 1 de agosto tocará Alcohol Jazz. O folk retornará o día 10 con Luar na Lubre, nun concerto que patrocina Caixa Galicia, mentras que Caixanova financiará o de Mercedes Peón, aínda sen data.