RADIOGRAFÍAS | O |
26 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O MÉRCORES baixei ata Carballo para ver como andaban as festas patronais. Aparquei o coche na Gran Vía e fun cara á praza do Concello. A esa hora, aínda batían as raxeiras do serán nos xardíns. Aproveitei para buscar sitio nunha terraza e tomar algo sen máis que facer que mirar para a xente. Na mesa do lado, dous homes de idade media conversan sobre as festas. Para un, o orzamento é excesivo, para o outro, necesario para darlle categoría á vila. Un pouco máis aló unha parella mira con cara de felicidade extrema ós fillos xemelgos que comezan a dar os primeiros pasos. Unha señora que os coñece detense onda eles e louva o grandes e guapos que están: «Ay, filliña, que te están hechos unos repollitos. ¡Ay que niños máaaasss guapoooos¡». A nai case chora de felicidade e o papá incha o peito, reivindicando o seu importante papel xenético. Pago a consumición porque xa vai un pouco de frío e aproveito para dar unha volta polo entorno: tómbolas de xamón, postos jipes e canciños quentes con mostaza. Ábreseme o apetito e decido ir de tapas cuns compañeiros. Polbo á feira, chipiróns, raxo, unhas cañas e un corte de mangas á comida americana. No local está un grupo versionando temas de Joaquín Sabina. Non o fan nada mal e axiña meten ó público no peto. Reparo nunha moza de saia plisada que non lle quita ollo ó guitarrista. É tan nova coma guapa, seguramente estea a festexar un aprobado en selectividade. Mentres os paisanos cantan «ahora es demasiado tarde princesa», un non pode evitar sentir nostalxia da idade da moza e un pouco de envexa de non tocar, aínda que foran as maracas, nun congunto, que diría o outro.