Parellas incompatibles

RAMÓN L. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

25 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA DAS vantaxes de facer esta columna é que un acaba tendo colaboradores dispostos sempre a botar unha man. Onte mesmo, chamoume unha persoa para contarme por teléfono un caso sorprendente relacionado cunha parella. A historia pareceume ben curiosa e o informante meréceme todo o crédito, así que sen máis dilación relátolles a anécdota. Pois ben, resulta que un matrimonio que levaba pouco tempo casado decidiu que o de ser parella non era o seu. Non se aguantaban. Despois da convivencia convertéronse en elementos que se repelen entre si. Incompatibilidade de carácteres, que diría Sabina. Xa saben, o amor máis inmenso pode naufragar entre as pingas de graxa que desprende o mantel de cada día, cando non nunha monumental cornada. O encanto e a fascinación da primeira época dan paso co tempo a esas pelexas de cans e gatos. O de cariño, pichurri, palomita mía, estreliña ou ¡ai Luisiño como me pos! convértese nunha sucesión de rosmidos inintelixibles e malas caras continuas: ¡sácate de aí, repugnante! Chegados a este momento, a parella decide separarse da maneira máis amigable posible, porque están nesa fase na que só verse provócalles sarpullidos. Pois é así cando se poñen de acordo para repartir o patrimonio común. Chegan á conclusión de que o único ben inmoble que posúen son catro nichos no panteón municipal. Metade e metade: dous para ela e dous para el. Santas Pascuas. E aí está o destino, á volta da esquina, chiscando no ollo, gastando a broma, o quen non quere unha de caldo toma dúas fervendo: os dous terán que soportarse na última viaxe, e chegados a este trance de punto vale alegar incompatibilidades.