RADIOGRAFÍAS | O |
28 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTIVEN NUNHA inauguración oficial desas que tanto se estilan cando están próximas as contendas electorais. Chovía a chuzos e eu alí, xunto coa corporación en pleno, agardando a que chegara o coche oficial e a comitiva de San Caetano. Todos metidos nunha carpa, asomando a cabeza. Fóra, aguantando o vento doente e a auga, dous obreiros esperaban para colocar a primeira pedra no burato indicado. O máis maior sobordaba ben a cincuentena e tiña na cara o recordo de centos de días de xeada ou de sol enfermo. Canda el un rapaz que podía case ser o seu neto prendía un cigarriño nervioso. Pensei que para el sería quizais a súa primeira vez no choio este das inauguracións. Guindou o cigarro totalmente enchoupado ao pouco de acendelo. Por fin, un señor que semellaba saído dun desfile de alta costura anunciou solemnemente: «Ya está aquí el conselleiro». Saúdos de rigor e cámaras disparando sen parar. Baixo unha nube de paraugas e xornalistas a cobadazos cos políticos, colocan a primeira pedra e volta para a carpa ler os discursos. O abrigo é o abrigo. En poucos minutos remátase todo. Agardo que escampe unha miga para coller o coche mentres o trebón de abril non dá tregua. A xente despídese e corre canto pode cara os automóbiles. Reparo que fóra seguen os dous traballadores cos seus monos verdes e uns cascos brancos, impolutos, deses que lles mandan poñer só para inauguracións e inspeccións. O máis novo, co buzo pingando, mira fascinado para os coches oficiais, de cristais opacos, que se perden no medio da choiva camiño de Santiago. O máis vello remata a tarefa, alleo, quizais pensando en que con este tempo calquera bota as fabas.