Unha atrocidade imparable

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

31 mar 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NAS CAMPAÑAS electorais o normal é prometer unha chea de cousas, unha chea de soños utópicos na maioría dos casos. Pero a cousa vai a peor e en vez de prometer parece ser que é máis rendible prohibir. O lema a partir de agora será seguramente podo prohibir e prohíbo porque teño o poder e porque me dá a gana . Prohíbese a propaganda contra a guerra e non se prohíbe a propaganda a favor da mesa. É inxusto. ¿Esmorece a liberdade? ¿Volvemos ó pasado represor? ¿Non se lles pode chamar ás cousas polo seu nome? Non quería botar man destes lemas pacifistas e reivindicativos, pero sigo a corrente dos que repiten unha e outra vez nunca máis e non á guerra , anque coincido con Nemancos en que os rapaces deberían protestar en horas non lectivas. As guerras son destructivas. A destrucción será masiva. Os americanos deberían ter reflexionado máis antes de decidir matar xente inocente indiscriminadamente. Estanse matando como se matan as reses no matadeiro. Aínda no caso de que a guerra fose inevitable, deberían intervir só militares profesionais fronte a fronte. Pero non é así. Ademais a guerra non é tal porque xa se sabe quen vai ser o gañador dado que o seu poderío militar é superior. É como quen lle pega a un neno pequeno. Todo esto supoñendo que nas guerras haxa gañadores e perdedores, porque creo que todos perdemos. Se está demostrado que o sátrapa iraquí é un psicópata asasino que está masacrando ó seu propio pobo, hai que collelo a el por onde sexa, xulgalo e condenalo. O pobo iraquí non ten culpa de nada. Deixémolo vivir en paz. Causa gracia que os americanos puxesen como condición que Sadam se fose do país para evitar o desastre. É de risa porque saben perfectamente que non vai marchar polas boas, que prefire morrer matando antes de entregarse humillado e vencido, apartado da súa megalomanía. A desfeita pode acadar as dimensións de Vietnam. ¿Que vai pasar coas nais e pais, cos irmáns, cos fillos dos soldados americanos e ingleses que están morrendo nos combates? ¿Como reaccionará o mundo a medida que vaiamos vendo como morre xente totalmente allea ó conflicto? O desacougo é inmenso tendo en conta que Bush, iluso, dixera que as baixas serían poucas entre os seus marines. E xa non hai maneira de parar esta atrocidade.