As Encrobas exercita a memoria

Ramón Vilar CERCEDA

CARBALLO

CASAL

A inauguración dun busto e dunha praza que levará o nome de Moncho Valcarce e as palabras de testemuñas directas dos feitos serán os actos centrais de mañá

26 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

As Encrobas era a mediados dos anos setenta unha pequena parroquia cercedense de pouco máis de 300 veciños. Unha parroquia eminentemente labrega que como o resto de Galicia sufría neses anos a diáspora dos seus mozos e mozas a centroeuropa. No verán de 1974, o Consello de Ministros autorizou á empresa Fenosa a expropiación forzosa, pola vía de urxencia, dos montes e labradíos do lugar. Un total de 850 hectáreas veríanse afectadas polo decreto franquista. O que non contaba o Goberno, nin a empresa eléctrica, era atoparse coa firme postura dos encrobeses, que non estaban dispostos a deixar a terra dos antergos a cambio duns poucos cartos. Os veciños reclamaban un traslado de lugar en similares condicións ás que vivían. A empresa non accedeu as peticións dos veciños e estourou así un conflicto que marcou un fito na historia contemporánea de Galicia. O 15 de febreiro de 1977, nunha mañá de invernía e orballo, preto de cen labregos, encabezados polo crego das Encrobas , Moncho Valcarce, subiron aos seus montes e labradíos, onde numerosos grupos de gardas civís intentaban ocupar as terras. Comezou unha batalla campal que tería incluso espacio informativo en diferentes medios de comunicación europeos. As fotos en branco e negro inmortalizaron para sempre a loita de mulleres e vellos na defensa das súas terras. O balanzo de case catro horas de enfrontamentos foi de varios feridos e once detidos, entre eles Moncho Valcarce e varios membros máis das Comisións Labregas. Poucos días despois, a empresa eléctrica galega sentábase a negociar cos labregos das Encrobas. Vintecinco anos máis tarde daqueles acontecementos o pobo e o Concello cercedense van dedicar unha xornada ó recordo daqueles tempos e a honrar a memoria dun home ligado para sempre á súa historia: Moncho Valcarce.