O diálogo do Bloque

BELÉN MATO POMBO

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA

17 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Estes días pasados La Voz publicaba un artigo remitido por min acerca da absurda postura do Bloque impedindo a construcción dunha escola infantil. Pouco tempo despois, estas páxinas amigas recollían a resposta de don Evencio. Iniciaba o seu artigo dicindo que non quería insultar. Que o tempo da agresividade verbal xa tiña pasado. Claro que, postos a insultar, unha prefire crear unha pequena metáfora sobre simpáticos pallasos que arroutarse, como fai o señor Ferrero, polos camiños da mítica máis simplona e albiscar unha comparativa con Hitler. Eso seica non é insultar. Según don Evencio debe ser un simple salmodio familiar. Esta vai ser a miña última resposta. Prometo non facelo novamente. E menos convertíndome en ovella lucera, disfraz moi acomodado no vestir dun bloqueiro que por un lado aloumiña o seu discurso cun civilizado «tempo de diálogo» que só él practica, e por outro vai co seu voto a arroupar a Batasuna, negándose a apoia-la Lei de Partidos coa que a democracia pretende poñer un novo couto a ETA. Pero antes, só un detalle da bobina tonalidade do discurso de don Evencio: debemos dialogar. Está ben, nunca nos negamos ó diálogo. Pero él non quere dialogar. Só queren impoñerse, apoiados nos dous concelleiros que traicionaron a confianza dos cidadáns por quén sabe qué migallas. Ese é o diálogo que quere o Bloque: o da chantaxe que exerce gracias ó inmoral apoio de Pallas e Pena. Reiteramos que a escola infantil está ben ubicada e ninguén con seriedade e argumentos sólidos puxo nengunha obxección. O Bloque só se ampara nos seus caprichos e nos seus intereses partidistas. O peor é que de paso xoga cos intereses dos cidadáns e co dereito desta cidade a ter a súa escola infantil canto antes. Este circo de mentira segue vivo. Non hai pallasos auténticos. Só monicreques de trapo, incapaces de gobernar noblemente porque non convencen ós cidadáns. De algunha maneira tamén dan algo de risa. E algo de pena.