A FORXA DO TEMPO

La Voz

CARBALLO

11 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Outro ano máis chega o Día das Letras Galegas, unha festa que a estas alturas ten máis de ritual que de acto reivindicativo. Máis que unha celebración semella un cabodano. Un día de festa, non laborable, para ir á praia se vai bo tempo ou aproveitar para ir polos ovos e as patacas novas á casa dos sogros. Algúns decátanse porque a portada do xornal está en galego. Nas rúas as señoras falan de que os nenos non teñen aulas «por no sé que fiesta del gallego, mujer». Así imos perdendo por goleada 364 días-1 día folclórico (!vaia malleira!). Unha das condicións para que a un lle concedan o privilexio deste día é estar morto. Fixemos da celebración un enorme Panteón de Galegos Ilustres. Este ano dedicámosllo ó polígrafo Martín Sarmiento, precursor onde os haxa na defensa e uso do idioma. Imaxínense vostedes en pleno século XVIII este frade a reivindicar a escolarización dos nenos na súa lingua materna. ¡Iso é un precursor e o demais son andrómenas! !Ben merecido ten o día! Mais a historia da nosa lingua, á parte das grandes figuras, son os homes e mulleres que ó longo de dez séculos pronunciaron cada palabra, moldearon a lingua na forxa do tempo. Son eses heroes calados que, en tempos pouco propicios, mantiveron o facho aceso. Eses personaxes forman parte da nosa intrahistoria colectiva. Día de Galicia En xuño do ano pasado tiven a honra de asistir convidado ó Día de Galicia en Euskadi, unha festa ben viva a centos de quilómetros de Galicia. Non faltou de nada nos tres días de romaría en Barakaldo: verbenas, gastronomía, deporte, o grupo de folk Berrogüeto, premios literarios, etc. Entre os asistentes estaba o lehendakari, o presidente do Parlamento vasco, o alcalde da cidade e un alto cargo da Xunta de Galicia, proba da importancia do asociacionismo galego nesa terra. Un movemento social e cultural con grupos de baile, de teatro, conferencias, cursos de galego, e locais propios onde xuntarse. A mellor embaixada dos setenta mil galegos residentes naquela terra. Mais eu naqueles días quedei cun nome na memoria: Xaime Souto Capelet. Naceu na parroquia carballesa de Sofán e emigrou hai ben anos a Bilbao. Agora, prexubilado, vive a cabalo dos dous lugares. Este bergantiñán bo e xeneroso, directivo da Casa de Galicia, é un deses homes e mulleres anónimos que, desinteresadamente, traballan arreo para que a nosa cultura teña unha festa cada día . A todos eles, gracias por manter a chama viva.