Palabras para Plácido Castro

La Voz

CARBALLO

VÍTOR MEJUTO

Vilagarcía principia os actos polo centenario do escritor corcubionés coa charla «Portugal e o galeguismo» Vilagarcía homenaxea hoxe a figura de Plácido Castro, no día no que se cumpren cen anos do nacemento do escritor en Corcubión. Portugal e o galeguismo, dúas das súas grandes preocupacións, serán o eixo da conferencia que imparte o rector da Universidade Menéndez Pelayo, Ramón Villares, na capital arousana. Os actos continuarán mañá coa entrega do Premio de Traducción Plácido Castro, co que se pretende resaltar esta faceta na que foi pioneiro este polifacético intelectual.

24 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA O rector da Menéndez Pelayo, Ramón Villares, imparte a terceira conferencia internacional Plácido Castro. Baixo o título Portugal e o galeguismo, fará unha reflexión sobre as que foron as grandes preocupacións do ilustre intelectual. A charla é ás oito e media na casa de cultura de Vilagarcía. A ponencia anual celebrase xusto no día en que se cumpren cen anos do nacemento de Plácido Castro del Río e non é máis que o preludio dun longo listado de actos, cos que se honrará o seu traballo. Deste xeito, a Fundación Plácido Castro, coa que traballan estreitamente Vilagarcía e Cambados, dá un xiro á memoria dun home que loitou pola cultura galega. Mañá farase entrega do Primeiro Premio de Traducción Plácido Castro, co que se pretende recoñecer unha actividade na que o profesor e escritor foi pioneiro no seu tempo. Será ás doce e media na casa de cultura, presidido polo alcalde de Vilagarcía, Javier Gago, e a presidenta da Fundación, Susi Castro Sineiro. Ó certame, dotado con 3.000 euros (499.158 pesetas), foron presentadas 53 obras. O xurado está composto por Xosé Luis Franco, da Real Academia Galega; Xabier Senín, pola Xunta; Silvia Montero, da Universidade de Vigo; Xulián Maure e Alberto Álvarez Lugrís, da Asociación de Traductores Galegos, e Xulio Ríos.