O CASTILLO

La Voz

CARBALLO

ROBERTO TRABA VELAY CRÓNICAS DE FINISTERRA

19 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Nós, os fisterráns, chamámoslle a casa da jerra á pequena fortaleza defensiva que nos libros máis ou menos de históricos aparece como castelo de San Carlos. Outras veces, para simplificalo, decimos o castillo con esa elle tan gaiteira. Paréceme a mín, que por moito castelo que sexa, os fisterráns non nos aferemos xamais a elo, e diremos castillo con esa elle mariñeira que teñen tamén as quillas dos barcos. O que quero dicir con este divertimento fonético é que ademais das historias e batallas que gardan as pedras do forte de San Carlos, a casa da jerra garda no seus muros importantes acontecementos que hoxe pétame contar porque son lembranzas colectivas da xente do meu povo. Sobre todo, dos rapaces que o tiñan como un lugar familiar onde viviron xogos, combates, tremendos desafíos, singulares pelexas e apaixoados amores que a maior parte das veces non acababan máis que nun feixe de tímidas anunciadoras miradas. Agora que o castillo vai ser reconvertido en museo-fortaleza multiusos gustaríame que os meus fillos e os meus netos, cando os teña, souberan daquelas interesantes actividades que acontecían nas súas dependencias cando estaba abandoado e ninguén se preocupaba por él. Naquel tempo, eu non sei se mais salvaxe, pero sí mais natural. O castillo era o escenario ideal para xogar a incomprensibles guerras de indios y vaqueiros, para fecer voar a nosa imaxinación que buscaba ocultos tesouros baixo a terra onde non había máis que argolas para amarrar os cabalos, e para pintar nas vetustas paredes corazóns atravesados por flechas nasque se podía ler: «Manolo e Carmiña» ou frases como «tonto o que o lea» ou «maricón o último» que hoxe soannos máis que ridículas, pero que antes facíanos moita gracia. Podo asegurar tamén que anosa casa da jerra é o único castelo do mundo que deixou de ser fortaleza bélica para convertirse en polideportivo escolar con multicancha para xogar o voleibol, baloncesto, fútbol sala e frontón, con gradas e todo. Esto debeu ser aproximadamente nos primeiros anos da década dos setenta cando se empezou a botar de moda un berro en Fisterra que decía «agua», eso dicíamolo cando o balón saía por un ventana e ia dar a praia das margaritas. Sempre había alguén decidido a tirarse o mar para recuperar a pelota aínda que fora inverno e estivera chovendo.