Castiñeiras tivo un pasado de fomentadores da industria de salgadura, o mesmo que Aguiño, Corrubedo ou Palmeira e concellos limítrofes
10 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A visita realizada polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e a Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, a Castiñeiras, para presentar o catálogo de bens de valor cultural no litoral, 338 deles nesta comarca, dun total de 1582 catalogados na comunidade, con foto diante dos restos da antiga cociña e taller da conserveira Hermanos Barreras, coa alcaldesa e concelleiros ribeirenses, serviu para que ámbolos dous conselleiros anunciaran un investimento de 150.000 euros financiados con cargo aos Fondos Next Generation para poñer en valor unha fábrica de salgadura que hoxe non existe, dentro do Plan de Sostibilidade Turística.
Castiñeiras tivo un pasado de fomentadores da industria de salgadura, o mesmo que Aguiño, Corrubedo ou Palmeira e concellos limítrofes. Os primeiros fomentadores de orixe galega en instalarse aquí foron os Hermanos Martínez, coñecidos como os de Nafonso, actual Conservas Lou, persoas próximas á esta veciñanza.
A fábrica de Nafonso construída en 1890 sigue en pe grazas ao esforzo realizado polo industrial, recentemente finado, Manuel Loureiro, seguindo os pasos de seu bisavó.
A familia Barreras, confirma o historiador Daniel Bravo, chegaron A Pobra desde Blanes sobre o 1820 e cara á 1850 construíron o almacén de salgadura en Castiñeiras.
As dúas contan con cadansúa rambla de pedra onde amarraban os barcos para botar o peixe en terra. A de Nafonso, comesta pola area, e a de Barreras, presa da desidia e o abandono. Se o catálogo está en información pública non estaría de máis que a corporación municipal ribeirense se preocupara de incluílas no devandito catálogo para preservar este patrimonio mariño.