A asemblea do BNG de Ribeira revalida a Rafael Pazos e Xana Ledo como responsables da organización

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Integrantes do novo consello local do BNG ribeirense.
Integrantes do novo consello local do BNG ribeirense.

Os nacionalistas apuntan que a súa continuidade responde ao recoñecemento do traballo realizado e á vontade da militancia de afondar na consolidación do proxecto político

01 may 2025 . Actualizado a las 15:34 h.

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira celebrou a súa asemblea local, na cal a militancia decidiu reelixir a Rafael Pazos Rodríguez como responsable local da organización. Xunto a el, tamén volveu a ser escollida Xana Matilde Ledo Díaz como vicerresponsable.

Durante a mesma cita constituíuse o novo consello local, órgano de dirección política do BNG ribeirense, que estará conformado por: Antía Alberte Maneiro, Genoveva Betanzos Fernández, Óscar Casais Montemuíño, Xosé Manuel Grueiro Sixto, María del Carmen Lampón Agrelo, Xana Matilde Ledo Díaz, Vicente Paz Carou, Rafael Pazos Rodríguez, Luís Pérez Barral, Jorge Ramallo Paz, María Cruz Rivadulla Márquez, Mónica Rodríguez Fernández, Silvia Varela Rodríguez e Xabier Vidal Peón.

Rafael Pazos xa fora escollido pola militancia en agosto do 2023 despois de que os nacionalistas alcanzasen a alcaldía de Ribeira. «A súa continuidade responde ao recoñecemento do traballo realizado e á vontade da militancia de afondar na consolidación do proxecto político do BNG no municipio», asegura a organización.

Pazos manifestou que o «obxectivo do BNG en Ribeira é seguir na senda do cumprimento dos compromisos adquiridos nas pasadas eleccións municipais coa veciñanza, continuar ao seu carón na defensa e mellora dos servizos públicos e transformar Ribeira cun novo modelo de cidade para ser un referente de vila sostible, accesible e verde».

Ademais, engadiu que traballarán arreo para construír un Bloque Nacionalista Galego local «máis forte, sumando militantes e apoios e mellorando os resultados acadados nas últimas municipais. Sabemos que imos polo bo camiño porque moita xente está contenta e temos moi claro o proxecto de vila que queremos e, na seguinte cita electoral, imos a por todas para seguir sumando en positivo».