Que ninguén o vexa

RIBEIRA

08 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns políticos confunden a crítica das cousas mal feitas coa animadversión ou as gañas de prexudicar. E aínda que ás veces poida que acerten (pois o leite, puro puro, tan só o bebe o pucho), nunca estará de máis criticar o feísmo urbano, que afecta ao día a día das nosas vidas. Vexan senón certas cousas das que farlarei a continuación.

Antonte, quixen dar un paseo por Ribeira e achegueime ata o aparcadoiro de Area Secada, onde se pretende facer o museo do mar. Necesario museo, máis dunha vez reclamado por moitos, entre os que se atopa quen subscribe este artigo. E lamento dicir que non me gusta o emprazamento que se pretende nese lugar que, por certo, debería chamarse Area da Sacada, tal como din os estudosos do tema. Pois o nome ven das praias pechadas onde se pescaba coa arte da sacada. Unha rede grande que se largaba fronte a praia e, desde a area, os homes turraban dela dunha punta, facéndoo unha parella de bois desde a outra. Pero ben, xa se sabe que iso dos topónimos, non é o forte de Ribeira.

E non me gusta que se elixira o aparcadoiro, por ter a sensación de que Ribeira (mellor dicir os seus gobernantes), senten aversión polos espazos amplos e abertos. Onde ven unha explanada (neste caso un aparcadoiro), pensan como ocupala cun mamotreto de cemento. Posto que na capital do concello peta o frío do nordés, parecen pensar que todo xuntiño e abrigado está mellor. E xa se sabe que, como a vida mesma, xuntos si pero non revoltos. Coma exemplo, vexan senón o emprazamento do auditorio en construción. Por non falar dos varios esperpentos convertidos en edificios públicos, metidos con calzador entre a Rúa de Portugal e a vía paralela ao mar.

Xa ven que deixei as críticas para o remate do verán, por aquilo de non votar fora aos turistas. E, para non me repetir (gañas non me faltan), non lles falarei de novo da corredoira chea de todo menos de beleza, chamada rúa Lepanto, pola que se accede ao centro de Ribeira. Así que hoxe traio a colación o edificio estrela dos esperpentos de que lles falaba: velaí, ante vostedes, a delegación da Consellería de Pesca.

—Cala, cala, ogallá que ninguén o vexa. As paredes están tan cheas de porcallada que poderían competir con calquera dos guetos que polo mundo existen, dicía un que andou alá polo Bronx.

—Haberá que dicirllo á conselleira. Ribeira non merece algo así.

—Pois si. Ou que o fagan os do Concello.

—Ao mellor os do concello non pasan por alí... andarán buscando buratos onde edificar.

—E os empregados da delegación?

—Non creo que alguén poida traballar dignamente nun antro así.