Sara Sevilla: «Quero loitar para recuperar o festivo local, porque A Dorna meréceo»

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O gran reto para a próxima edición será recuperar as actividades despois do covid

28 dic 2021 . Actualizado a las 12:01 h.

A pandemia impediu durante dous anos que a Festa da Dorna se celebrase como correspondía seguindo a traxectoria ascendente que semellaba imparable. Aínda así, os acontecementos non impediron o nomeamento dunha nova persoa ao temón: Sara Sevilla (Ribeira, 1989), que foi escollida o sábado pasado tras unha década de traballo en diferentes directivas da organización.

Ese mesmo día, a celebración tamén foi recoñecida co Premio Sereo á Iniciativa Cultural outorgado pola Asociación Barbantia. Neste galardón tamén se exaltou o compromiso da festa dorneira coa cultura mariñeira e ribeirense desde a súa fundación, así como o seu carácter solidario.

—Como se animou a ser presidenta da Dorna?

—Estiven moitos anos axudando nas directivas e tiña unha espiña cravada que me quería sacar. Ademais, é certo que eu tiña moito apoio por detrás, tanto de amigos como de xente que xa estaba dentro da organización. Sempre me dicían que me tiña que animar e ao final así foi.

—Por que lanzarse xusto agora?

—Se pensei en presentarme nestes momentos é porque creo que se pode facer algo máis. No 2023 vai ser o 75 aniversario e creo que debemos organizar algo grande. Todo depende da situación do covid claro, pero gustaríame deixar algo bonito, para recordar.

—Xa hai algún plan para esa celebración especial?

—É certo que a miña cabeza non para de dar voltas, teño moitas ideas e non paro de pensar nelas. Pero é o momento de centrarse na edición do 2022 porque sete meses parecen moitos, pero realmente non chegan para organizar todo.

—Que é o primeiro que quere facer neste ano que entra?

—A miña idea é seguir coa liña que xa tiñamos anteriormente, antes de que todo se truncara pola pandemia. E ademais diso, quero loitar para recuperar o festivo local, porque a Dorna meréceo. No 2022 caerá en domingo, pero para o próximo non podemos deixalo quedar así.

—Que é o máis complicado de organizar unha festa tan grande?

—Nestes momentos, o que máis nos preocupa é o tema do aforo. Dependendo do que se poida e do que nos deixen facer teremos que ver como distribuír as actividades, reducilas ou non. Todo iso teremos que velo a medida que se vaia achegando a data, porque a cousa pode mudar moito dun momento a outro.

—Agora a festa acaba de recibir o Premio Sereo de Barbantia. Que significa este galardón?

—Para nós, calquera recoñecemento é sinónimo de que estamos a facelo ben e que a pesar de que non se puidera celebrar como quixemos nestes últimos dous anos, a liña que seguimos é axeitada. Agora todo é continuar.

—Están superadas as diferenzas que había coa hostalería?

—En breve comezaremos a reunirnos tanto co comercio como co sector hostaleiro para que nos mostren as súas necesidades, as inquietudes que teñan e sobre todo agora, despois da pandemia, creo que temos que ir da man e todo o unidos que podamos. Queremos agardar un pouco porque tal e como está agora a cousa co virus pensamos que non é o momento de meternos en reunións con moita xente, pero que queremos manter esas conversas está claro.

DNI. Sara Sevilla ten 32 anos e forma parte dende hai sete da familia dorneira dos Ratos da Illa. Non dubida á hora de apuntar cara o Sertame Itinerante da Cansión de Tasca como a súa actividade preferida.