O máis consentido da casa

RIBEIRA

Bernardo Codesido

«Acabo de escoitar un debate sobre se os gatos caseiros poderían sobrevivir hoxe en día no campo, ou se o mesmo que as persoas, cando non practican o oficio, tamén eles desaprenden»

20 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moito tempo, nun restaurante da costa Ártabra con amplas cristaleiras sobre unha porción de xardín con mar ó fondo, quedei embelesado por mor dun gato en postura atenta, inmóbil sobre tres patas, a dianteira dereita suspendida no aire, co pescozo estirado fronte a un arbusto floreado durante tan largo anaco de tempo que o convertía en estatua, ata que de súpeto, dun brinco, meteuse entre a ramallada e saíu, moi teso, apresando na boca un ratiño que acababa de pillar, paseando con el diante de nós, lucíndose, presumindo do seu logro e do seu arte de longa estirpe cazadora.

Lembro a anécdota porque acabo de escoitar un debate sobre se os gatos caseiros poderían sobrevivir hoxe en día no campo, ou se o mesmo que as persoas, cando non practican o oficio, tamén eles desaprenden.

Teñen fama de cazadores e diso presumen, pero tamén de durmiñóns e ladróns, combinando ambas facetas con picardía e así, sen servilismo que non lles aproveite, evolucionaron con maquiavélica actitude e nós consentímosllo. Pero á fin, que é un cazador se non un oportunista, xa sexa con trampas, celadas ou escopetas con mira telescópica. E o gato non ten por que gastar enerxías cando ten o que necesita ó alcance das súas uñas, por iso din que é arteiro, sempre agardando a súa oportunidade, xerando confianza antes de se meter na despensa. Ensinan o que cazan, pero nunca o que furtan.

Confórmanse con ficar pechados nun apartamento durante toda a súa existencia antes de deixar que os saquen a pasear atados cunha correa, soportan comer penso prefabricado, sen adestrar o uso das súas poutas e dos seus bigotes, grazas ós que puideron chegar ata hoxe como seres beneficiosos para a humanidade, cando eran acollidos en choupanas e en pazos como método eficaz contra os roedores que malograban os víveres, pero acabaron por converterse en simples animais de compañía a quen non se lles pide máis favor que rosmar e adurmiñar no colo de quen os acolla e manteña a corpo de rei, limpándolle a area dos excrementos e sen lles esixir un baño esporádico en toda a súa vida, do que sempre fuxiron.

O gato é o único animal que domesticou ás persoas. Non sei se un gato caseiro, morador nun piso e sen contacto co exterior seguiría tendo mañas cazadoras de soltalo no campo, pero si sei que non perdeu as da roubacha. Lévao no instinto. Algo que o amigo Antonio non debía saber cando deixou sobre a mesa un ollomol adubado para o forno mentres lle mandaba un wasap a Afonso en agradecemento por pescalo e regalarllo.

Por moito que o eduquemos, o gato (perdóenme os gato-adictos) é egoísta, presumido e de raza ladra, segue conservando por instinto a arte do ladroízo e nós todo llo perdoamos porque tamén conserva por instinto a arte mexeriqueira.

Sen embargo, segundo apuntan os estudosos do comportamento animal os gatos domésticos cazan pouco ou non se molestan en facelo cando os seus amos xogan con eles, lles consenten certa netorría e os alimentan con comidas enriquecidas.

Como o refrán nos aclara, «gato farto non caza rato». Ou sexa, que se non fose polas necesidades vitais, colgarían a escopeta e faríanse veganos.

Parece que o gato, á fin, pode ser tan humano coma os humanos.