A Dorna resiste, pero sen as súas grandes citas e reducida a catro días

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A canción de tasca e o enjalanamento das fanequeiras, entre as actividades que poderían salvarse

25 may 2020 . Actualizado a las 20:14 h.

Resístese a Real e Ilustre Cofradía da Dorna a deixarse vencer polo coronavirus e anunciou que a edición número 72 da singular festa segue en pé. Iso si, non figurarán no programa as citas estrela, aquelas que reúnen a un maior número de espectadores, como as carrilanas, o voo sen motor e a regata de embarcacións. As celebracións reduciranse a catro xornadas, do 23 ao 26 de xullo, e a entidade analiza agora que actividades se poden levar a cabo para garantir as preceptivas medidas de seguridade.

O obxectivo principal, segundo sinalou o presidente da Real e Ilustre, Ramón López, é que o espírito dorneiro que está presente en Ribeira todo o ano saia á rúa eses catro días, para o que se engalanarán as rúas e se convidará aos empresarios a decorar os seus negocios.

Tamén está confirmada a venta dos suadoiros e en breve anunciarase o método elixido para evitar as longas colas que se formaban na rúa en pasadas edicións.

Entre as actividades que a entidade ten enriba da mesa para estudar a súa viabilidade está a canción de tasca, aínda que se suprimiría a ruta polos locais hostaleiros, levando a cabo o certame nun escenario con aforo reducido.

A Real e Ilustre tamén ve posible levar a cabo o enjalanamento das fanequeiras, se ben é certo que está pendente unha xuntanza cos hostaleiros para coñecer a súa opinión ao respecto; e algún xogo con pouco público.

Do programa tradicional caerían os concertos na rúa, aínda que é posible que se substitúan por actuacións en directo a través das redes sociais.

Desde a Real Ilustre fan un chamamento á responsabilidade dos dorneiros e xa avanzan que non serán permisivos: «Non vai ser unha Dorna coma a de edicións pasadas e as normas, para as actividades que finalmente se decida levar a cabo, estarán claras e haberá que cumprilas. En caso de que non sexa así, procederase automaticamente á cancelación», asegurou Ramón López.