Sen límites

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

26 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro que de pequeno sempre me daba un pouco de mágoa a xente do interior. «Pobres», pensaba, «viven no interior e o seu horizonte é moi limitado». Pensábao porque eu nacín a rentes do mar e sempre tiven a idea absurda de que a xente do interior estaba limitada ao ter só terra ao seu redor e, polo tanto, o seu mundo era moi reducido.

Pensaba hoxe no absurdo da crenza mentres paseabamos, na luminosa mañá de Nadal, polas fermosas praíñas de Couso, en Ribeira. Precisamente por vivirmos ao carón do mar, a nosa ribeira estaba, na práctica, máis limitada, porque na vida cotiá non navegamos de lugar en lugar: iso só é asunto de mariñeiros.

Que eu -e case todo o mundo aquí- pensara así, e lle pareza lóxico que consideremos as nosas vilas mariñeiras como moito máis «abertas» que un suposto pechado interior, fala, no fondo, de como a comunidade mariñeira se explicaba a si mesma e como vía o resto do mundo. Fronte os labradores, atados á terra, os mariñeiros considerábanse cidadáns do mundo, usuarios dunha autoestrada infinda; iso, aínda que a realidade fose ben outra.

As percepcións de onde está o centro e onde a periferia sempre varían de cada quen. Esa intelixencia dos nosos vellos é unha lección ancestral que non deberamos perder: onde queremos estar situados? Que posibilidades lle vemos ao lugar no que vivimos?

Teño a sensación de que esa antiga idea da nosa costa como un lugar sen límites nos foi abandonando. Igual era bo momento, este 2020, para volver pensalo. E así cambiar o futuro.