Hai que parar a noxenta cadea

María Xosé Blanco Giráldez
María Xosé Blanco CARA E CRUZ

RIBEIRA

11 feb 2019 . Actualizado a las 21:12 h.

Un non se decata do perigo que entrañan certos contidos que se difunden a través de Internet ata que coñece de preto un caso deses que poñen a pel de galiña. Neste do que vou falar, todo comeza cun deses vídeos repulsivos que nunca deberon ser gravados e moito menos difundidos a través dunha rede que non ten cancelas e na que o morbo causa furor.

Imaxínese que un deses vídeos, no que o protagonista aparece nunha actitude censurable, reprobable e noxenta, se estende polo seu círculo máis próximo, entre aqueles cos que se atravesa a diario. Imaxínese que por un parecido físico, razoable ou non, todas esas persoas que teñen acceso a dito contido o consideran o protagonista indiscutible. Imaxínese sentir centos de ollos cravados cada vez que sae da casa, percibir os murmurios que van espertando ao seu paso e saberse o eixo das conversas de bares, perruquerías e parques. Imaxínese no corpo dunha adolescente que de súpeto se converte en vítima de burlas, atrapada nunha cadea de mentiras á que é totalmente allea.

Deixe de imaxinar porque a realidade supera a ficción. Si, por difícil de crer que pareza, calquera pode verse envolto un día nunha mentira desta índole por ter cometido o «delito» de contar con certo parecido co protagonista dun horrible vídeo. En contra nosa xogaría a rápida difusión deste tipo de contidos, pois o morbo e a curiosidade exercen unha atracción imparable. Chegados a ese punto só nos quedaría confiar en que a cadea morrera coa mesma rapidez coa que se propagou.

Para que isto non ocorra, non sexamos un chanzo máis da cadea. Rompámola.