Alicia Padín: «Os mozos son creativos e implícanse, o que precisan é un espazo para eles»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Orienta aos usuarios da área xuvenil que desde hai un mes funciona en Santa Uxía

01 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A cidade ribeirense conta, desde hai un mes, cun punto de encontro para os mozos. No Espazo Xuvenil situado no segundo andar do mercado municipal, os máis novos do municipio teñen un lugar no que escoitar música, ver a tele, xogar, conversar e recibir formación a través de obradoiros. Desde que este recinto abriu as súas portas, a técnica de Normalización Lingüística, Alicia Padín, encargouse de asesorar aos usuarios e tamén de recoller as súas demandas para tratar de mellorar un servizo que naceu con vocación de quedarse para sempre. Ela mellor que ninguén sabe como está a resultar a experiencia.

-¿Como xorde a idea de poñer en marcha este Espazo Xuvenil?

-É unha idea sobre a que se empezou a traballar hai xa varios meses, a raíz da necesidade que se vía de ofrecerlle algo aos adolescentes, a eses mozos de entre 13 e 19 anos. Cremos que son os veciños que teñen menos espazos de lecer exclusivos. Nun primeiro momento fíxose unha enquisa nos centros de ensino para saber que actividades podían interesarlles e como lles gustaría que fora ese centro. En febreiro analizáronse os resultados desa enquisa e empezouse xa a traballar no deseño do recinto.

-¿Como remata a normalizadora lingüística involucrada de cheo neste proxecto?

-Eu traballo de maneira transversal con tódolos departamentos e, neste caso, penso que tamén é fundamental promover o uso do galego entre os adolescentes. Por outra banda, cría firmemente na necesidade de ofrecerlles este espazo, un teito no que os mozos se puideran meter. Loxicamente, era preciso dotar o lugar de actividades e aproveitalo para infundir nos usuarios interese polo mundo da cultura.

-¿Que balance fai deste primeiro mes de funcionamento do Espazo Xuvenil de Ribeira?

-Fago un balance moi positivo. O que me parece máis interesante é que a maioría dos mozos que pasaron polo local deixaron suxestións na caixa que temos habilitada, o que reflicte que teñen interese pola continuidade deste servizo. Queremos que eles especifiquen que tipo de formación lles gustaría recibir e tamén que botan en falla no lugar.

-¿Cales foron esas demandas dos mozos?

-Á hora de solicitar formación, decántanse sobre todo polos eidos audiovisual e fotográfico, por iso son os obradoiros que planificamos para este mes de novembro. Tamén nos pediron facer unha viaxe por Galicia, que foi incorporada tamén na programación, e que se incrementara a zona de estar, un tema que está en proceso xa.

-Do que se fixo ata o de agora, ¿que actividades tiveron máis demanda?

-Comprobamos que as cartas son un elemento indispensable, aínda que poida parecer raro. Tamén funcionou moi ben o obradoiro de escultura de Lucía Romaní, porque se conseguiu o que se pretendía, que os mozos fixeran seu o espazo, decorándoo.

-¿Pensa que dalgún xeito se desmitifica neste espazo a idea que se podía ter da mocidade?

-Por suposto, non é real esa idea que se ten de vincular aos mozos co botellón e de consideralos ninis. Os mozos son creativos e implícanse, o que precisan é un espazo para eles. Teño que dicir que o comportamento está a ser excepcional.

-¿Augúralle longa vida ao lugar?

-A idea é que sexa para sempre, non sei se no mercado ou noutro lugar, teremos que ir véndoo en función das necesidades. Aínda que a media é de 25 usuarios, chegou un momento no que foron 60. Penso que de cara ao inverno vaise incrementar a afluencia.

-¿Como lle gustaría ver este espazo no futuro?

-Penso que, co paso do tempo, o Espazo Xuvenil debe chegar a ser un servizo autoxestionado, que a maior parte das actividades sexan promovidas polos propios usuarios e que os mozos se fagan responsables do lugar.