Agora que o número de turistas comeza a baixar imos comezar a ver un tipo de visitantes que non entra nas estatísticas oficiais da Xunta nin de Turespaña; é moi posible que ninguén saiba como definilos pero están aí. O lugar ideal para velos é Baroña, mellor nun temporal de inverno, neses momentos nos que parecería incrible que alguén se achegara ata o castro. Son homes e mulleres solitarios que camiñan entre as pedras, ou pola ribeira. É posible que eles mesmos, dúas horas antes, nin se imaxinaban que estarían chimpando entre laxes, ou mollando a punta dos zapatos coa fría auga.
A poderosa forza icónica do castro de Baroña, da praia do Vilar, ou de Balieiros, atrae a todo aquel que precisa ordenar a cabeza, ceibarse dunha situación de estrés, decidir que facer ante un problema (a parella, emigrar, unha discusión familiar). E buscan na natureza brava da nosa costa, nos cantís solitarios e sen paseos marítimos, un espazo confortable para atopar respostas que están case sempre dentro deles mesmos.
Non son turistas, claro, son viaxeiros, que é cousa distinta. E aquí temos unha das máis fermosas virtudes da nosa comarca, e se cadra a máis secreta, a que ninguén pon por escrito: a capacidade de axudar a sandar a mente e o corazón, de ser un refuxio de solitarios que saben que para calmar os trebóns do interior, ás veces é preciso envolverse dos temporais do mundo aberto.
O mellor é que preservar esa virtude e a nosa sona é moi doado e barato: tan só se trata de non lles molestar.