Un mar de grazas

Unai González Suárez BUZÓN DEL LECTOR

RIBEIRA

09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A sí foi como bautizamos a terceira Romaxe de Aguiño, único lugar de Galicia onde se celebrou máis dunha vez a peregrinación de crentes galegos, e con esta benvida acollemos a cinco milleiros de irimegos que visitaron o noso pobo no 50 aniversario da fundación da parroquia.

 

Simboliza este mar de grazas a un pobo acolledor, aberto, rexo e traballador ao tempo que humilde, sinxelo e fachendoso da súa historia e da súa xente; un mar do que se vive e no que se morre, un mar que dá pero tamén quita, un mar que nos bendice e nos maldice en cada amencer, alimentando a nosa existencia e levando á nosa xente como aos centos de mariñeiros que afogaron entre as bágoas salgadas do Atlántico que nos acolle.

Despois dunha singradura dunha ducia de anos na asociación Francisco Lorenzo Mariño e 25 xaneiros participando activamente do tecido social, chega o momento de facerse a un lado para poñer en marcha novos proxectos, deixando o camiño aberto a novas formas de pensar e de facer co espírito anovado en soños futuros e, deste xeito, decidín deixar a entidade que naceu comigo xunto con outros, máis bos e xenerosos, e que tan fecundos logros dou ao sementar cultura, un enorme mar de cultura no que se mergullou un gran mar de xente.

Esta viaxe non a fixen só, acompañáronme moitas e moitos aos que dende o fondo do meu peito quero encher de grazas, de grazas salgadas e verdadeiras, de grazas que levan novos folgos e afouteza, de grazas que parirán ilusións e esperanzas, de grazas preñadas de futuro para Aguiño, para a cultura, para o idioma, para a memoria de Paco e co fin de devolver ao menos unha migalla do agarimo, da axuda e do apoio que sempre sentín en vós; sen nomear a ninguén xa sabedes quen sodes, polo que dende o fondo do meu ser, para todas, para todos, un mar de grazas!.  AguiñoUnai González Suárez.

Puede enviar sus textos a la dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es