Álex Millet: «Busco transmitir enerxía positiva»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O mozo de Aguiño vén de publicar o seu primeiro disco, «Experiencias»

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Vinculado á música desde que era neno, Álex Millet vén de publicar o seu primeiro disco, Experiencias. Disposto a deixarse a pel para sacar adiante a súa carreira como cantante, non abandona A Rondalla de Aguiño, unha formación que rescatou cando levaba varios anos desaparecida e da que é director.

-Podería dicirse que este disco é un soño cumprido, ¿non?

-A verdade é que si, é unha experiencia inesquecible. Aínda que grave moitísimos discos máis, que espero que si, creo que o que estou vivindo co primeiro non se vai repetir.

-¿Vén desa experiencia inesquecible o título?

-Por unha banda si, vén de ver como o proceso, desde que lle amoso os meus temas ao produtor ata que teño na man o disco físico, constitúe unha experiencia inesquecible. Por outra, cada un dos temas que están neste traballo son experiencias que lle poden pasar a calquera e que estou seguro de que lle pasan ao longo da súa vida.

-¿Cando e como comezou a xermolar este disco?

-Sempre compuxen e escribín as miñas pezas, pero esas nunca saíron do meu cuarto. No verán do 2016 elaborei a primeira maqueta e pouco a pouco funme animando.

-¿Cal é o estilo que impregna este conxunto de temas?

-Quería buscar un estilo actual, pop, tirando cara o rock, que é o que máis me gusta e penso que acertei bastante ben.

-¿Como foi a selección do repertorio?

-O disco componse de nove pezas, pero eu teño moitísimas máis, polo que foi moi difícil elixir. Algunhas compúxenas cando xa estaba traballando no disco, como Alzarei, que rápido souben que tiña que estar aquí. Tiña moitas máis e é moi complicado decidirse. Na casa teño a meus pais que me aconsellan, pero para eles todas están ben. Creo que á xente lle vai gustar a selección.

-¿Por que se decantou por ese Alzarei para a presentación do traballo?

-Creo que hai outras máis fermosas no disco, pero elixín esta canción porque foi a que máis me custou facer. Tiña moi claro o que quería dicir, pero non sabía como contalo. É unha crítica á sociedade actual de Galicia, onde sempre se queixan por todo, nunca están contentos con nada, nin co idioma, nin coa paisaxe... É unha crítica cara esa xente, para ver se realmente son quen de ver o que teñen.

-¿Ten ese mesmo obxectivo o emprego do galego nunha parte das cancións?

-Non busco reivindicar o idioma cantando, xa me sae así de forma natural. O que tiña claro é que o galego debía formar parte do meu disco.

-O que está claro é que o disco transmite moita enerxía...

-Si, precisamente busco transmitir enerxía positiva, quero lanzar esa mensaxe de que aínda que na vida pasen cousas malas, se pode saír adiante.

-Chama a atención a presenza dun tema dedicado a Aguiño, ¿cal foi a razón?

-Non sabía moi ben se debía incluílo no disco, porque é un tema moi íntimo e ademais o traballo está dirixido a toda Galicia, pero ao final decidinme. É unha pequena homenaxe á miña terra.

-¿Como ten sido a promoción do disco ata o de agora?

-Foi fundamentalmente a través de Internet. Alí fun colgando o proceso de montaxe do disco, as sesións de fotos, as gravacións... quixen así tentar enganchar á xente, amosándolle o traballo de elaboración que hai detrás, pois consideraba que era importante.

-¿Como foi ese proceso?

-Ese proceso arrancou en xaneiro, que foi cando os produtores me deron o si. Chegou coma un agasallo de Reis. Xa empezamos daquela a seleccionar as pezas e gravar. Foron moitas horas de estudo, fotos, deseños...

-¿Que sinte agora, co disco entre as mans?

-A verdade é que en canto o tiven na man boteime a chorar. Ao longo do proceso de gravación non acababa de crerme todo isto, pero cando o tiven nas mans souben que era realidade.

-¿Vese dentro de pouco enriba dun escenario?

-Vou deixar pasar uns meses para que a xente coñeza as miñas cancións e aprenda as letras. Despois si que quero ofrecer un concerto.