O conxunto escultórico estará integrado por catro crustáceos de gran tamaño, realizados en pedra sintética de cor branca
27 ene 2015 . Actualizado a las 02:53 h.Este verán, os turistas que se acheguen a Aguiño atoparanse un novo distintivo da localidade: catro percebes de gran tamaño e cor branca que, presidindo a zona portuaria, seguro que non van pasar desapercibidos. Esta foi precisamente unha das razóns que levou ao xurado do concurso convocado polo Concello de Ribeira a elixir a proposta do artista Gonzalo Sarasquete como a máis idónea para o monumento co que se pretende resaltar a importancia do produto marisqueiro por excelencia da zona.
Os percebes, duns catro metros de altura, serán elaborados en pedra sintética e a intención é que estean instalados en xullo, coincidindo cunha nova edición da exaltación gastronómica de Aguiño. O rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, deu onte a coñecer o fallo do xurado e presentou a maqueta, destacando as calidades que se tiveron en conta da obra de Sarasquete: «A orixinalidade da idea e dos materiais empregados, a apelación ás señas de identidade da zona evocando o mundo dos dolmens e os menhires, e a semellanza co percebe de Aguiño, diferente o de outros lugares».
Da traxectoria do artista, natural de Ribeira pero residente en Mallorca, o alcalde destacou algunhas das intervencións que ten feito na cidade como Homes de cal, un conxunto de esculturas sobre personaxes populares colocadas en distintas rúas.
Novo distintivo
Aproveitando o concurso convocado para a elección deste monumento ao percebe, ao que concorreron cinco artistas, o Concello de Ribeira decidiu crear un distintivo oficial, que será o que se empregue para promocionar a festa gastronómica de Aguiño e tamén o que se entregue en cada edición da exaltación aos pecebeiros de honra.
Ruiz Rivas anunciou onte que se lle fará unha proposta ao artista que quedou en segundo lugar, José Andrés Gude Teira, co obxecto de empregar a súa proposta para este fin. Trátase dunha piña de percebes feita en cerámica de diferentes cores.