As escolas vellas de Asados acolleron un recoñecemento ao presidente da Fundación Rosalía que reuniu a amigos e veciños
06 feb 2024 . Actualizado a las 19:18 h.Coa Grândola Vila Morena interpretada por Barahúnda púxose punto e final á homenaxe que o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, recibiu esta fin de semana na parroquia rianxeira de Asados polo seu nomeamento como embro da Real Academia Galega. Difícil atopar un peche mellor e que resumira tan ben o que foi o acto, un encontro de amigos, un espazo de reivindicación da fala e da irmandade, da épica do pobo, das paisaxes e dos vínculos irrompibles nacidos na infancia.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, resumiu o espírito da homeaxe aludindo aos versos do propio Anxo en O Valo de Manselle: «Este non é un acto institucional, senón impulsado polos compañeiros, e fano eles, ninguén os mandou, pero quixérono facer». Á fronte da iniciativa estivo Manuel Gómez, que foi quen de reunir na mesma mesa a amigos de Angueira que son tamén figuras destacadas das letras, comezando polo tamén académico Xosé Luís Axeitos, Manuel Lorenzo Baleirón e Xosé Ricardo Losada.
Ferrín na distancia
O primeiro leu unhas palabras ditadas expresamente por Méndez Ferrín para sumarse á homenaxe ao «poeta das raíces máis profundas do idioma», para logo referirse a unha palabra que segundo Axeitos anoa todas as facetas de Angueira: «A lealdade, lealdade ética, a uns principios e a si mesmo». Manuel Lorenzo Baleirón reivindicou «a marca de auga de Anxo, ten un estilo propio que o identifica. Esa lingua que non está nos dicionarios nin está nos libros é a lingua de Anxo».
Xosé Ricardo Losada foi o máis prosaico, e puxo en valor o grande mérito que debería ser para entrar na Real Academia Galega ter xogado no Unión de Asados e o vínculo que crearon arredor daquelas chapradas.
Anxo respondeu a todas as gabanzas con humildade e fixo gala da lealdade da que falaba Axeitos repasando os seus vínculos con Asados e con Rianxo, desde a escola da señorita Flora onde con 5 anos e cando aínda era Angelito aprendeu as primeiras letras -e que tan ben representou o grupo de teatro Airiños no acto desta fin de semana-, ata o océano de literatura que lle descubriu José Luis Cristobo de adolescente, o campo de fútbol de Santa Lucía, os avós que lle gustaría ter tido - a señora María e o señor Marcelino- e a corredoira da Marquesa: «Nin para min nin para calquera é sinxelo un paso tan conmovedor coma este, por iso, para facelo máis levadeiro, para min esta é tamén unha homenaxe á amizade fraternal que nos une e a Asados. Asados para min é un corazón indispensable».