Lampións

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

RIANXO

06 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado tiven a honra de guiar a máis de 50 persoas polos hórreos senlleiros de Rianxo, así como pola agrupación de hórreos de Meiquiz, unha actividade na que gozamos todos, aprendendo da nosa historia, uns e outros, con achegas de persoas con moito coñecemento que asistiron. Un dos pormenores que máis chaman a atención, e que forman parte do menos coñecido e do máis representativo dos cabazos, son os lampións: eses pináculos que sobresaen por riba das sobrepenas que cobren a cámara do gran, que na maior parte son cruces, e que nalgunhas graneiras nin sequera existen.

Eses pequenos elementos —ou grandes, como os de Muros— parecen adornos á vista dun profano, pero gardan moito da esencia da identidade inmaterial galega, moito desas crenzas e sentimentos que só os galegos podemos expresar con tanta arte.

A maior parte, como dixen, son cruces que sacralizaban o gran e protexían dos demos que podían botar abaixo unha colleita de millo, aínda que nos canastros eclesiásticos veñen de serie porque representan á institución.

Pero en Brión (Rianxo) temos un que é a escultura dun gato que vela a graneira as 24 horas do día para afastar os ratos do millo, pero tamén hai cabaceiras con capóns, bocois de viño, reloxos de sol ou farois —a Castelao fascinábanlle—, e todo sae da alma e da mente da persoa que ordena a construción desa hucha sagrada da que falaba o escritor rianxeiro, na que se garda o corpo do Noso Señor durante todo o día, esa capela lítica que os primeiros turistas confundían con sartegos ou tributos aos mortos. Unha riqueza.