O alcalde rianxeiro confía en aprobar os orzamentos este verán
11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Nos dous mandatos e medio que leva á fronte do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños viviu a realidade de gobernar en solitario ou mediante pactos estables co PSOE, e cre que o acordo acadado no 2019 está a ser positivo.
-Como valora o pacto de goberno dous anos despois?
-Valoro a tranquilidade e estabilidade que nos deu o pacto. Creo que foi positivo porque permite un maior reparto de responsabilidades entre máis persoas, e porque dá outra perspectiva e tranquilidade á hora de sacar adiante cuestións nos plenos e proxectos importantes como pode ser o plan xeral.
-En que punto se atopa o plan?
-Estamos poñendo todo o posible desde o punto de vista político para impulsalo, fáltanos certo acompañamento técnico para resolver da mellor maneira unha cuestión tan complexa como é un PXOM. Polo demais, trala la parálise provocada polo covid, sacamos seis procesos de licitación a comezos de ano e agardo que haxa oito máis nos vindeiros meses, o cal é importante porque son obras que teñen que ver coa mellora do saneamento e o abastecemento de auga municipal.
-E a batalla polo centro de día?
-Seguimos traballando niso e vai haber novidades positivas da man da Deputación en cuestión dunhas semanas.
-Outra cuestión pendente é a municipalización da auga.
-É certo que está sobre a mesa e é un tema no que hai que avanzar, pero o que si facemos é ir aumentando día a día as redes.
-Traballan cos orzamentos prorrogados, por que custa tanto aprobalos?
-Non hai discusión política ao respecto, non é unha cuestión de desacordos, ten máis que ver con prazos técnicos e de traballo interno. Son optimista e agardo que vaian a pleno en xullo.