Chamada aos afeccionados á lectura 

RIANXO

adrián gonzález

O escritor local Xosé Ricardo Losada leu o pregón dunha nova edición da Feira do Libro

24 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«A Feira do Libro está en Rianxo e, con ela, moitos libros que vos darán unha mirada propia sobre o mundo e vos farán menos prexuizosos e moito máis intelixentes e empáticos». Con estas palabras abría o escritor local Xosé Ricardo Losada a Feira do Libro que se celebra este fin de semana na vila rianxeira. Foi un pregón no que, como non podía ser de outro xeito, estiveron presentes Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. Unha intervención na que Losada quixo animar a todos a mergullarse no mundo da literatura para, entre outros motivos, ser máis intelixentes e coñecer mellor o mundo.

Xunto ao escritor, participaron no acto co que arrancou unha nova edición da Feira do Libro de Rianxo o rexedor local, Adolfo Muíños; o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto; e a representante da Federación de Libreiros de Galicia Celia Lilian Alfaya.

Os postos instalados por media ducia de librarías compoñen esta Feira do Libro, que permanecerá aberta ata o domingo pola noite no Campo de Arriba da localidade, ofrecéndolle ao público un 10 % de descontos nas compras que realicen.

Ao longo da xornada de hoxe está previsto que varios escritores visiten o recinto. María Xesús Blanco chegará de primeira, ás 12.00, para asinar exemplares de O caderno de Rosalía. Despois irán pasando Juan J. Prieto, ás 13.00; José María Rodríguez, ás 18.30; Charo Baleirón, ás 19.30; e Francisco Leira Castiñeira, que estará en Rianxo ás 20.30.