Bernardo Rial: «Temos que ir paso a paso»

s. Gómez

RIANXO

DANI GESTOSO

Tomou esta tempada as rendas do proxecto feminino do Unión, que se atopa en posto de fase de ascenso

28 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Bernardo Rial (Rianxo, 1979) tomou esta tempada as rendas do proxecto feminino do Unión. Excelente papel que están completando as de Vilas, que crecen a pasos axigantados, facéndose fortes nos postos que dan acceso á fase de ascenso.

-Como valora o curso?

-Moi ben, creo que estamos un pouco por enriba das expectativas iniciais. As rapazas están asistindo aos adestramentos e afianzando conceptos. Queremos que vaian aprendendo, asimilando cuestións técnicas e tácticas. Logo a liga xa nos poñerá no sitio que nos corresponde.

-Cal era a meta ao inicio da tempada?

-Intentar que as rapazas se colocaran na táboa o máis arriba posible. Somos conscientes de que ascender é complicado, pero entrar na fase vémolo posible.

-Sería un bo premio.

-Si, porque marcharon tres rapazas que eran piares importantes. O equipo reforzouse ben e vamos crecendo.

-E o nivel da liga como o ve?

-Hai sete ou oito equipos cun nivel moi parello, logo está o Aguiño, que é superior ao resto. Logo hai outros conxuntos que están empezando e teñen que contar con paciencia.

-Por iso decidiu coller o equipo?

-Plantexoumo a directiva. Sabían que estaba interesado en adestrar e dixéronme que me fixera cargo do equipo feminino. Xa tiña unha experiencia previa nun equipo de rapazas de voleibol e estou moi contento. A actitude é moi positiva, son receptivas e eu estou moi cómodo.

-E que opina do fútbol feminino na zona?

-A verdade é que está en auxe. Nesta liga cada vez hai máis equipos e vemos máis rapazas interesadas en practicar fútbol. E cantas máis mellor, porque unhas arrastran das outras. A ver se podemos darlle un impulso na zona, en Galicia e no estado. O que necesitan é que aposten por elas.

-E a súa meta como adestrador cal é?

-Ao ter tantas rapazas novas o que quero é que aprendan. Temos que ir paso a paso. Este é un proxecto a longo prazo e queremos que se consolide.