Os veciños sumáronse en masa ao Feirón ataviados con roupas mariñeiras de cores azul e branca
16 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Desde hai 13 anos, os rianxeiros aproveitan as súas festas grandes, as da Guadalupe, para gozar dunha viaxe ao pasado. Onte, aínda que a xornada ameazaba chuvia, as rúas da vila deron cabida a unha feira, emulando as que se celebraban hai un século. A comisión organizadora xa anunciara que non habería traslado, tal e como ocorrera o ano pasado, e así foi. Postos nos que se exhibían e vendían diferentes produtos, obradoiros artesanais e recunchos gastronómicos contribuíron a que veciños e visitantes retrocederan, durante unhas horas, un século.
Pouco antes do mediodía, a música de gaitas e pandeiretas anunciaba o arranque do Feirón, a medida que as rúas se enchían de persoas ataviadas con roupas mariñeiras, coas cores azul e branca como dominantes. E que, se unha singularidade ten a cita de Rianxo é que os veciños, ademais de espectadores, asumen o papel protagonista. Un feixe deles onte, como ven sendo habitual, mesmo se converteron en animadores da feira, arrancándose a cantar e facendo brotar melodías de culleres, cunchas e outros instrumentos populares.
Aínda así, o epicentro do Feirón Mariñeiro de Rianxo constituírono os profesionais que avalaron coa súa presenza unha cita que vai a máis en cada edición. Entre eles, moitos da terra, coma o ferreiro Che Tembra, o cesteiro Antonio Suárez, o tallista Roberto Figueira e o gaiteiro José de Nebra, que amosaron os seus oficios.
Toque gastronómico
Cara a metade da xornada chegou a ocasión de catar os manxares ofrecidos por media ducia de tabernas locais que quixeron achegar o seu grao de area a esta cita tradicional, aínda que houbo quen, tanto antes como despois da hora de xantar, se deixou seducir polas filloas de Carmen Pérez, as delicias saídas do forno de PanMillo, os pementos de Herbón ou outros imprescindibles como churros e polbo, servidos desde postos instalados na rúa.
Despois de ollar e mesmo mercar algún que outro produto artesanal, catar as delicias gastronómicas populares e deixarse empapar do ambiente festivo que caracteriza aos rianxeiros, quedaba só esperar ao colofón desta décimo terceira edición do Feirón. Estaba previsto que chegara na recta final da tarde, en forma de Rianxeira popular, cos veciños entoando a canción dedicada á Moreniña. Unha antesala perfecta para a gran noite prevista para a xornada de hoxe.