Somos malos porque si

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

PORTO DO SON

18 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñezo que son das que ten tendencia a pensar que o ser humano é malo por natureza, que poden darse casos excepcionais nos que alguén, e incluso a sociedade no seu conxunto, pode artellar accións solidarias e heroicas coas que ata me embarga a emoción, pero ao final sempre acaba por imporse a peor cara da especie. É unha postura pesimista e derrotista, pero hai xente que parece empeñada en demostrar que non me equivoco, que no fondo non queda bondade. Sobran os exemplos, desde o avance de posturas racistas que parecían superadas a pandas que se dedican a perseguir a un mozo para matalo dunha malleira porque si, por maricón; ou sociedades que impiden que unha persoa só por ser muller poida ir á escola, traballar ou conducir un coche. Por poñer algún exemplo recente.

Non pensen que esta comarca, tan pacífica e acolledora, escapa desta visión. Somos igual de humanos e igual de malos, e aínda que por fortuna non temos exemplos tan extremos de maldade coma os que acabo de enumerar -que saibamos ou que, polo menos, se coñezan publicamente- tamén os hai. Vese, sen ir máis lonxe, nas praias de Porto do Son, onde se suceden as denuncias de bañistas que acosan a un pobre golfiño porque si, para divertirse, e rodéano con motos de auga e intentan subírselle enriba. Non teño moi claro se neste caso pesa máis a maldade ou a imbecilidade e inconsciencia da xente, que parece ignorar que en caso de que o animal se revolva contra eles levan as de perder. En calquera caso, as virtudes da natureza humana quedan, unha vez máis, vilipendiadas.