Luis Oujo: «Necesitamos o parque empresarial con urxencia»

La Voz

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

A falta de chan industrial está a ser un problema para o empresariado do municipio

02 jun 2021 . Actualizado a las 11:36 h.

Cunha maioría absoluta e un equipo consolidado que conta xa cunha ampla experiencia na xestión municipal, Luis Oujo está a vivir un mandato tranquilo no que, pouco a pouco, se van materializando proxectos e sentando as bases para avanzar en novas propostas.

 -Resultou proveitosa esta primeira metade do mandato?

-Foron uns anos positivos no que é a estabilidade e o investimento no concello, todos os compromisos que tiñamos estamos cumpríndoos, e non só nós, tamén outras Administracións, como a Xunta, que está a executar a remodelación da fachada marítima. A situación económica é moi boa, o orzamento aumentou ata case os dez millóns e non temos débeda bancaria, e non deixamos de facer investimentos nin estar ao lado dos sectores máis afectadas por esta crise. Temos que seguir traballando xuntos para saír reforzados da pandemia.

-Que actuacións ten o goberno entre mans neste momento xunto con outras Administracións?

-Están moi avanzados os trámites para trasladar o colexio de Portosín e recuperar toda a súa contorna e a humanización de Coira. E a consellería está a piques de sacar a licitación o saneamento de Queiruga.

-O saneamento integral leva anos sendo o cabalo de batalla do goberno de Porto do Son, está aínda lonxe?

-Quédannos as parroquias de Queiruga e San Pedro de Muro. Na primeira, agardamos que para despois do verán Augas de Galicia teña licitadas as obras. E en San Pedro imos investir preto de medio millón de euros do remanente de tesourería para instalar o saneamento e acometer a recuperación e humanización dos núcleos tradicionais.

-O que non acaba de despegar é o polígono industrial.

-Necesitamos o parque empresarial con urxencia. Agora mesmo estamos notando no empresariado de Porto do Son que empeza a pensar no futuro, que a economía comeza a moverse. Necesitan chan, e se non o teñen terán que marchar buscalo a outros concellos e iso non o podemos permitir, pero se participamos todos, Concello e iniciativa privada coa axuda da Xunta, creo que o podemos sacar adiante.