Golpes na mesa nos plenos do Son


Nós estamos aquí para defender os intereses do concello. Estamos aquí representando aos veciños. Estamos aquí para velar polo ben común. Estamos aquí porque temos vocación de servizo público... Estas expresións, e outras polo estilo, acostuman escoitarse de boca de concelleiros de calquera cor política en canto pleno se celebra na comarca. É un argumento común de todos os partidos, incluso á hora de defender posturas totalmente contrapostas, o seu único interese é sempre o mellor para o pobo; non para o seu grupo político, diso nada, o que importa por enriba de todas as cousas son os cidadáns.

Pero a realidade é que moitas veces non é así. Ou polo menos iso é o que parece á vista do último pleno -por citar un- da corporación de Porto do Son. Porque se o único que move aos seus membros fose conseguir o mellor para o seus veciños, estes non sairían avergonzados dos debates pola actitude dos seus concelleiros.

Os edís que se sentan no salón nobre están aí, efectivamente, para defender os intereses dos seus veciños e da cidadanía en xeral e como tales deben gardar certas formas e mostrar respecto, xa non só polos escasos veciños que acoden ás sesións para saber o que pasa no concello, tamén pola posición que ocupan, eles e os da bancada de enfronte. Por iso, non é de recibo que cando un fala o outro levante máis a voz a ver se así lle dan a razón, mantendo un diálogo de ollomol no que todos falan e ninguén escoita. E certamente a min non me estraña que a máis de un lle dean ganas de dar un golpe na mesa, soltar un exabrupto e mandalos calar. Non me estrañan os veciños que se levantan no medio do pleno e marchan exasperados ante o espectáculo dun debate de taberna, ou, se me apuran, de patio de colexio. Que se a min me interrompen e non lle dis nada; que se aquí mando eu; que se ti que dis, cala a boca...

Non me estraña. O que non me parece admisible é que quen pete na mesa e solte un exabrupto dirixido a un compañeiro da corporación sexa un concelleiro.

Nunha cousa tiña razón o edil que deu o golpe na mesa enfadado no pleno do xoves: parecía un galiñeiro. Efectivamente, semellaba un curral, pero iso non xustifica esas actitudes, precisamente porque non está alí como veciño, está como representante dos cidadáns. E ademais, cobrando. Por iso ten que aguantar estoicamente canto pase no pleno, porque é a súa obriga, porque para iso lle pagan os contribuíntes. A el e ao resto. Que o pleno acabe convertido nun galiñeiro non é de recibo e non é culpa dos veciños, é culpa dos membros da corporación, e evitar que iso pase depende unicamente deles. Así que menos golpes na mesa e un pouco máis de respecto polo cargo que ocupan.

Por Marta Gómez CIUDADANA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Golpes na mesa nos plenos do Son